A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e Esther Adroher, representante de XEAL, asinaron o documento, no que a empresa metalúrxica se compromete a aportar 10.000 euros á administración vimiancesa.
O Concello de Vimianzo e Xallas Electricidad y Aleaciones
S.A. asinaron esta mañá un convenio colaborativo para emerxencia social, no que
a empresa metalúrxica se compromete a aportar 10.000 euros á administración
vimiancesa.
Por ende, o Concello comprométese a empregar a aportación da empresa para
emerxencias sociais como a cobertura de produtos de primeira necesidade a
colectivos en especial vulnerabilidade, pago de facturas nos servizos primarios
como luz e auga ou mercar material sanitario, como produtos de desinfección.
A Intervención do Concello de Vimianzo, tras o acordo, comprométese a emitir á
empresa un informe de imputación do gasto polo importe da cantidade aportada,
tendo que xustificar así que os gastos son destinados ao fin acordado.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer este “xigantesco xesto por parte
dunha das máis importantes empresas do noso tecido industrial, que se suma á
doazón dun lote de máis de 50 máscaras FFP2 que nos fixeron hai unhas
semanas. Amosa o compromiso de todo o seu persoal coa crise sanitaria que
estamos a vivir e con estes fondos axudaremos a moitas familias. Todo o pobo de
Vimianzo agradécelles o xesto”, destaca a rexedora.