Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente reactiva desde o vindeiro martes o servizo do Punto Limpo Móbil


A concellería faille un chamamento á cidadanía para que se cumpran os horarios e non se depositen os residuos antes de que cheguen os vehículos de recollida
A Concellería de Medio Ambiente anunciou esta
mañá que reactivará o servizo do Punto Limpo Móbil desde o vindeiro martes 5 de
maio. A posta en marcha deste dispositivo forma parte do paquete de medidas
incluídas na fase 0 do Plan para a transición cara á unha nova normalidade
(desescalada).
As persoas responsables da concellería consideran que se dan as condicións para
que se reabra, xa que o comportamento das coruñesas e coruñeses respecto ao
depósito de residuos neste mes e medio de confinamento foi bastante exemplar,
salvo certas excepcións. É necesario, explican, poñer de novo en marcha o servizo
porque se acumularon nos domicilios algúns residuos que non se poden nin deben
depositar nos contedores da rúa, debido a que o seu destino final son os puntos
limpos.
Tomaranse as medidas necesarias para que o persoal traballador en contacto co
servizo cumpra todas as medidas sanitarias necesarias para desempeñar as súas
funcións. Deste xeito, explican, garántese a súa seguridade e a das persoas
usuarias.

A concellería faille un chamamento á cidadanía para que se cumpra o horario e non
se depositen os residuos antes de que cheguen os vehículos de recollida. O horario
será de 09.00 a 14.15 horas, de martes a sábado e fixouse o seguinte calendario:

Maio 2020

5, 6 e 7 – Praza de Pablo Iglesias
8 e 9 – Campo da Estrada (lateral da residencia militar)
12 e 13 – Gaiteira, 31 (zona peonil)
14 e 15 – r/ Luis Seoane (Novos Ministerios)
16 – Illas Sisargas, fronte a Eroski (Mesoiro)
19, 20 e 21 – Avda. de Cádiz (parque infantil, Lonzas)
22 e 23 – Avenida da Pasaxe, 25-33 (Os Castros)
26, 27 e 28 – Audiencia Provincial
29 – Vioño (esquina da avda. de Arteixo coa rolda de Outeiro)
30 – Praza Elíptica (Os Rosales)