Saturday 23 de November de 2024

A Deputación destina preto de 7 millóns de euros para contratar a 280 profesionais dos servizos sociais nos concellos da provincia


O programa inclúe o financiamento de 291.000 horas de servizo de axuda no fogar nos municipios

 

A Deputación destina preto de 7 millóns de euros para contratar a 280 profesionais dos servizos sociais nos concellos da provincia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a resolución que dá luz verde ao programa provincial de servizos sociais comunitarios 2020, cun investimento de 6.865.445 euros que se destinarán á contratación de 280 profesionais da área social nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

O programa permite aos pequenos e medianos municipios dotarse de persoal técnico especializado, persoal administrativo de apoio e de axuda a domicilio. Uns profesionais que atenden cada día as necesidades de miles de cidadáns con problemas de índole social e económica, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos ou con discapacidade.

“Con programas coma este, a Deputación busca non deixar a ninguén atrás na saída á crise sanitaria que estamos vivindo e que implicará tamén serias consecuencias sociais e económicas para moitas persoas e moitas familias”, afirmou o presidente da Deputación, que subliñou que, en plena crise do Covid-19, o plan de servizos sociais comunitarios “é máis necesario que nunca, pois permite á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan”, afirmou.

González Formoso destacou tamén a importancia que ten o apoio económico que presta o programa para o mantemento dos servizos de axuda a domicilio dos concellos, “que están cumprindo un papel fundamental para garantir a atención e o benestar de miles de persoas maiores ou dependentes en toda a provincia”.

291.000 horas de axuda a domiclio para maiores e dependentes

A través deste programa, a Deputación cofinancia 291.000 horas de servizo de axuda a domicilio cun prezo de 12 euros por hora. Tamén se financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €).

O presidente subliñou tamén que o goberno provincial traballa nunha “reestruturación a fondo” dos orzamentos da Deputación para 2020, na que “emprego e servizos sociais serán as prioridades absolutas”.