O Foro Turismo Covid 19 amplía as xornadas pola demanda de participación do sector con dúas xornadas dedicadas ao mundo empresarial
Máis de un millón de euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina aos entes de xestión turística a través dunha liña de axudas coa que quere contribuír á recuperación do sector. O vicepresidente e deputado da área, Xosé Regueira, considera que son clave para a colaboración entre as administracións e o sector privado en superar a crise provocada pola pandemia.
A área de Turismo da Deputación da Coruña publica a concesión de axudas aos entes de xestión aos que destina nesta nova edición un orzamento de 1.091.645,92 € que se repartirán entre as catorce propostas que traballan en todo o territorio da Coruña e que reciben un máximo de 120.000 € para a consolidación das súas estruturas administrativas e as actividades que desenvolven ao longo do ano, encamiñadas neste caso a contribuír a superar a crise provocada pola COVID19.
“Nesta edición decidimos apostar unha vez máis e con decisión polo traballo que desenvolven os entes de xestión porque temos o convencemento que serán pezas claves para coordinar a recuperación dun sector que está a atravesar unha crise histórica”, sinala o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.
Neste sentido, os entes de xestión foron os protagonistas da primeira das xornadas do Foro Turismo Covid19 que está a organizar a Deputación da Coruña na que se concluíu na necesidade de orientar os traballos cara á revitalización dun sector fundamental para o desenvolvemento económico e o apoio ao sector privado que se verá afectado directamente pola pandemia.
A Asociación de Empresarios do camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, A Asociación Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, a Asociación Rural de desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, a Asociación Socio-Cultural Agua e Sal, a Asociación para o Desenvolvemento do Turismo de Calidade da Comarca de Ortegal, Costa da Morte Asociación Turística, as Mancomunidades Ría de Arousa-Zona Norte, Concellos Comarca de Ferrol e Comarca de Ordes, Información e Comunicación Local de Santiago (Incolsa), Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña son as entidades beneficiarias da convocatoria.
“Os próximos meses van ser duros e tamén decisivos para o futuro dun sector que terá que adaptarse ás exixencias sanitarias e que precisará o apoio das administracións con medidas extraordinarias porque é clave na empregabilidade e no desenvolvemento económico do país”, sinala Xosé Regueira que apunta tamén a necesidade de afortalar as novas vías que abre a actual situación que apostan por un turismo de proximidade e sustentábel.
Empresas e concellos, novos protagonistas do Foro
Os concellos e as empresas serán as protagonistas das novas xornadas do Foro Turismo Covid 19 organizadas pola Deputación da Coruña que tiveron que ampliar o número de sesións pola ampla demanda de participantes.
Este xoves, os concellos serán os protagonistas do encontro arredor da situación turística cunha xornada que comezará ás 18 horas e na que a axente de Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo, Rosa Sánchez; a técnica de turismo do Concello de Betanzos, Elena Carro; a técnica de turismo no concello de Dumbria, Ada González; o técnico de turismo do Concello de Vimianzo, Ángel Arcay,; o consultor, docente e técnico de Turismo no Concello de Noia, Ignacio Fernández Dosil; a técnica de turismo do concello de Carballo, Maite Parga e o ex director xeral de Política Turística do Ministerio de Transportes e concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela, Francisco Candela.
O luns 4 de maio ás 11 horas terá lugar o primeiro dos debates co mundo empresarial do turismo que, polo interese mostrado polo propio sector, terá continuidade o xoves día 7 de maio. Na primeira das sesións, intervirán o xestor de activos hoteleiros, Jesús Rodríguez, a representante de Proturga, Fátima Cachafeiro, o vicepresidente de Aviturga, Rafael Serrano Hernández, a directora de Trevisani, Ana G. Trevisani e o Presidente da Asociación de Empresarios costa da Morte, Pablo Canosa. En todos os debates participará o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e serán moderados polo profesional da comunicación e empresario do sector, Pepe Formoso.