Friday 22 de November de 2024

O concello solicítalle á Xunta que a Cidade Vella e Orzán- Panadeiras sexan declaradas Área Rexurbe para a súa rehabilitación


 

A Xunta de Goberno Local deulle luz verde na sesión desta mañá á reforma do edificio do Banco Pastor, que contará cun prazo de execución de 36 meses

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe na sesión
extraordinaria e urxente que se realizou de xeito telemático en María Pita (tan só a
alcaldesa, os concelleiros de Economía, Urbanismo e Educación e traballadoras/es
municipais estiveron presentes) para lle solicitar á Xunta de Galicia que a Cidade
Vella e o ámbito Orzán-Panadeiras sexan declarados áreas Rexurbe e poder
acometer a súa rehabilitación.

Trátase do ámbito prioritario 1: Cidade Vella. Delimitado polas rúas Ferrerías, praza
das Bárbaras, rúas de Santa María, praza de Santo Domingo e rúa de Santo
Domingo, e que inclúe todas as súas rúas interiores e lles presta unha atención
especial ás rúas Sinagoga, Cortadoría e Zapatería.
E do ámbito prioritario 2: Eixe do Orzán – Panadeiras. Delimitado polas rúas Orzán
(desde a praza de Pontevedra) e Panadeiras como eixe principal, as súas rúas
paralelas Picos, Mariñas, Vista, Boquete de Santo André e estreita de Santo André,
e rúas perpendiculares Rexedor Somoza, praza da Cormelana, Perillana, praza
Josep Sallier, Pastoriza, travesía de Mariñas, travesía de Santo André, praza Vista,
Alta, Africano, praza do Africano, Pórtico de Santo André, Sol, Ferrador, Cega e
Travesía de Cordoaría. A Área Rexurbe está recollida no plan director do concello
para revitalizar o centro histórico en todos os ámbitos.

Nota de Prensa

A Xunta de Goberno Local deulle luz verde á reforma interior do edificio do Banco
Pastor, un inmoble histórico situado no número 1 do Cantón Pequeno. O Grupo
Santander impulsa o proxecto, que conta cun orzamento de 4.500.000 euros e
dispón dun prazo de execución de 36 meses, que se computarán desde o día
seguinte ao da notificación da licenza.
Outorgóuselle a Hijos de Rivera SL a licenza para demoler de xeito parcial o antigo
centro comercial Comcor. A parcela onde está situado foi adquirida o ano pasado
pola empresa coruñesa para poder ampliar as súas instalacións. A demolición conta
cun orzamento de 470.000 euros.

Por outra banda, informouse dos expedientes urbanísticos que a Concellería de
Urbanismo resolveu entre o 5 de marzo e o 21 de abril. O concello concedeu máis
de 100 licenzas urbanísticas, a pesar das dificultades que supuxo tramitalos estado
de alarma decretado pola pandemia sanitaria.
Na sesión de hoxe, autorizouse o levantamento da suspensión dos prazos
administrativos de contratación que se paralizaron cando se decretou o estado de
alarma. Deste xeito, retomarase a aprobación de expedientes de contratación, a
apertura de novas licitacións e mais reiniciaranse os trámites de adxudicación que
quedaran suspendidos. A intención do Goberno local é continuar os procesos de
contratación da Administración local e pór en marcha as novas tramitacións para
reactivar a economía local e dinamizar o tecido social.

Tamén se aprobou a presentación dun recurso contra a resolución adoptada pola
Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de aprobación
das liquidacións correspondentes ao primeiro semestre do ano 2020 polo
cofinanciamento das escolas infantís xestionadas a través do Consorcio.