Friday 22 de November de 2024

O concello tramita máis de 100 licenzas urbanísticas a pesar do estado de alarma


A Xunta de Goberno Local tomará coñecemento do informe da Concellería de Urbanismo que, desde o 5 de marzo ata o 21 de abril, resolveu más de 300 expedientes entre permisos de obras e prórrogas,
entre outros

O concello concedeu ata 101 licenzas urbanísticas
entre o 5 de marzo e o 21 de abril, e a pesar das dificultades que supón a súa
tramitación no estado de alarma decretado pola pandemia sanitaria.
Neste sentido é de destacar o esforzo das empregadas e dos empregados públicos,
que nesta situación foron quen de resolver no mesmo período máis de 300
expedientes, en concreto 323, entre os que destacan as 101 licenzas; 126 obras en
réxime de comunicado, así como exercicios de actividades e prórrogas.
Deste volume de actividade na Concellería de Urbanismo, que supón un importante
impacto económico para a cidade, tomará coñecemento mañá a Xunta de Goberno
en sesión extraordinaria e urxente. Trátase de actuacións que servirán para
dinamizar o tecido produtivo da cidade, reactivarán a economía local e paliarán as
consecuencias do parón pola crise do coronavirus.

Nota de Prensa

Ademais, a xunta dará licenza para a construción dun edificio de 69 vivendas na
Gaiteira, outro de 30 pisos na zona de Náutica, e autorizará a construción de 16
vivendas na rúa Rey Abdullah.
Canto ao ámbito da rehabilitación, a Xunta dará luz verde á reforma do edificio do
Banco Pastor, un inmoble histórico situado no centro da cidade. O proxecto, que
conta cun orzamento de 4.500.000 euros, está impulsado polo grupo Santander. O
prazo para a execución das obras será de 36 meses que se computarán desde o
día seguinte ao da notificación da licenza.
Tamén se lle outorgará á Hijos de Rivera SL a licenza para demoler de xeito parcial
o antigo centro comercial Comcor. A parcela onde está situado foi adquirida pola
empresa coruñesa para ampliar a súas instalacións. A demolición conta cun
orzamento de 470.000 euros.

Na sesión de mañá tamén se autorizará o levantamento da suspensión dos prazos
administrativos de contratación que se paralizaron cando se declarou o estado de
alarma pola pandemia. Así, comezará de novo a aprobación de expedientes de
contratación, a apertura de novas licitacións e reiniciaranse os trámites de
adxudicación que quedaran suspendidos. O obxectivo desta medida, explicou o
voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, é o de continuar os procesos de
contratación da Administración local e pór en marcha as novas tramitacións para
reactivar a economía local e dinamizar o tecido social.

A Xunta de Goberno Local aprobará a proposta da Concellería de Urbanismo na
que se lle solicita ao Instituto Galego de Vivenda e Solo que declare Área de
Rexeneración Urbana de Interese Autonómico (Area Rexurbe) os seguintes
ámbitos:

Ámbito prioritario 2: Cidade Vella. Delimitado polas rúas Ferrerías, praza das
Bárbaras, rúas de Santa María, praza de Santo Domingo e rúa de Santo Domingo, e

Nota de Prensa

que inclúe todas as súas rúas interiores e presta unha atención especial ás rúas
Sinagoga, Cortadoría e Zapatería.
Ámbito prioritario 2: Eixe Orzán – Panadeiras. Delimitado polas rúas Orzán (desde a
praza de Pontevedra) e Panadeiras como eixe principal, as súas rúas paralelas
Picos, Mariñas, Vista, Boquete de Santo André e estreita de Santo André, e rúas
perpendiculares Rexedor Somoza, praza da Cormelana, Perillana, praza Josep
Sallier, Pastoriza, travesía de Mariñas, travesía de Santo André, praza Vista, Alta,
Africano, praza do Africano, Pórtico de Santo André, Sol, Ferrador, Cega e Travesía
de Cordonería. A Área Rexurbe está recollida no plan director do concello para
revitalizar o centro histórico en todos os ámbitos.

Tamén se aprobará a presentación dun recurso contra a resolución adoptada pola
Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de aprobación
das liquidacións correspondentes ao primeiro semestre do ano 2020 polo
confinamento das escolas infantís xestionadas a través do Consorcio.