Friday 22 de November de 2024

O concello de Ribeira comeza a definir os grupos de traballo do Plan Local de Desescalada para o sector servizos


 

O Concello de Ribeira comezou xa a definir os participantes nos tres grupos de traballo que representando ao sector servizos van colaborar na elaboración do Plan Local de Desescalada no noso municipio.

Así, segundo se dou conta hoxe na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do Covid-19, o grupo de traballo de turismo activo estará integrado polos responsables das empresas Geckos Surf & Surf School, Golfiño Xestión de Ocio e Cámping Ría de Arosa 2. Polo que respecta ao grupo de traballo da hostalería, integrarano en representación deste colectivo os titulares dos establecementos Otear, Ventos Vellos e Plaza. Falta por terminar de perfilar o grupo de traballo dedicado ao comercio, aínda que se prevé que as persoas incluídas na mesma pertenzan ás ramas da moda, os complementos e a perruquería.

Noutra orde de cousas, a Comisión agradeceu hoxe á empresa Urbaser a doazón de 30 máscaras de protección que, precisamente, serán destinadas ao comercio local unha vez teña lugar o desconfinamento. Tamén se destacou a colaboración da Farmacia Francisco Ruiz, que doou 100 mascarillas e 15 botes de xel.

Tocante ao reparto domiciliario de mascarillas, hoxe prosegue pola parroquia de Aguiño e, no que se refire ás denuncias formuladas pola Policía Local, nas últimas 24 horas tivo lugar unha máis un requirimento.