Friday 22 de November de 2024

A nova web da Mostra do Encaixe estará traducida a cinco idiomas


Ademais do galego actual incorporaranse o castelán, inglés, italiano e portugués.
O departamento da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña
continúa co seu plan para consolidar a internacionalización que está a
experimentar o evento nos últimos anos, converténdose na pasarela de
moda por excelencia durante a Semana Santa en España e situando o
encaixe como un elemento de vangarda para a alta costura.
Para iso o Concello de Camariñas, ademais de presentar unha solicitude
formal para que sexa considerada como festa de interese turístico nacional,
creou unha nova páxina web específica para a Mostra
www.mostradoencaixe.es , que xa se pode ver desde hai uns meses só en
galego e que se pretende traducir a outros catro idiomas.
Aproveitando o confinamento derivado da crise sanitaria orixinada pola
expansión da COVID-19, o departamento da Mostra do Encaixe quixo
acelerar os prazos e xa está a rematar a tradución ao castelán e ao inglés.
Logo, incorporaranse o portugués e o italiano en homenaxe aos pobos
irmáns de Peniche (Portugal) e Novedrate (Italia).
A concelleira delegada da Mostra, Encarna Liñeiro, explicou que este “é un
paso moi importante xa que cada ano acoden á Mostra numerosas
delegacións de diferentes continentes e queremos que, ao longo do ano,
poidan estar informados ao detalle de todas as accións que se van levando
a cabo ao redor do encaixe”.
Ademais, Liñeiro recalcou que “a estratexia que seguimos coa tradución da
web é a da internacionalización do Encaixe de Camariñas nos mercados nos
que realmente existe demanda de esta artesanía como son os nosos irmás
de Portugal e Italia. Ademáis de que serve para seguir estreitando os
vínculos con estas localidades coas que tan unidos estamos”.