Esta semana enviouse unha nova partida de 1.081 máscaras, 2.400 luvas e 100 traxes antisalpicaduras
A Xunta de Galicia vén de facer un novo envío de material de protección fronte á COVID-19 con destino ás residencias e entidades sociais da comarca do Barbanza. Nesta área a partida inclúe 1.081 máscaras, 2.400 luvas e 100 traxes antisalpicaduras.
Ademais, os centros sociais do Barbanza tamén recibiron esta semana 18 botes de xel hidroalcohólico e 6 garrafas de 5 litros de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á Xunta tendo en conta as súas necesidades actuais.
Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado cinco envíos de material aos centros sociais da provincia que suman máis de 664.000 unidade de protección. Concretamente, 293.200 luvas, 356.332 máscaras, 15.193 traxes antisalpicaduras e 808 pantallas de protección facial.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.
Ovidio Rodeiro puxo en valor “a colaboración institucional da Xunta de Galicia coas entidades sociais” para “sumar esforzos” para contribuír na loita contra a expansión do virus. Nesta liña, convidou a tódalas institucións a colaborar co Goberno autonómico porque “a prioridade fundamental é garantir a protección dos cidadáns e todos debemos remar nesa dirección”. Ademais, engadiu que “os envíos da Xunta de Galicia á comarca continuarán nas vindeiras semanas para garantir a protección das persoas que se atopan na primeira liña na loita contra o coronavirus”.