Friday 22 de November de 2024

Ata este xoves poden seguir achegándose obras para a mostra creativa “Moeche, terra de feiras”


As áreas de Cultura e de Desenvolvemento local do Concello de Moeche teñen en marcha desde hai semanas o proxecto de creación artística “Moeche, terra de feiras”, a través do que se propón achegar pinturas, debuxos, microrrelatos ou pequenas poesías que, despois, e unha vez que superemos esta crise, se poidan expoñer no castelo. A finalidade é dobre: por unha banda renderlle un certo tributo aos eventos feirais que se desenvolven no concello ao longo do ano e, por outra, levar a cabo unha iniciativa de lecer activo mentres dure o confinamento obrigado por mor do coronavirus. Ademais destes dous obxectivos, tamén pretende fomentar “a creatividade e a imaxinación”, tal e como se sinala nas bases publicadas polo Concello onde se establece que o último día para presentar os traballos é este xoves 30 de abril. Hai que envialos a concellodemoeche@gmail.com.
Dentro do tema principal de homenaxear ás feiras, as bases dan bastante liberdade para expresarse por medio do debuxo e da pintura ou da creación literaria. Así, na modalidade plástica han de presentarse imaxes de cabalos, gando, ou calquera na que se reflicta a esencia das feiras, tanto as monográficas como as quincenais, feitas sobre lenzo, táboa, papel, tea, tellas, lousa, madeira, metal, coiro, etc.

A modalidade literaria ten dous apartados: o microrrelato -cunha extensión máixima de 200 palabras- e o de micropoesía -entre 6 e 8 versos-, que en ambos casos han de estar redactados en lingua galega sobre calquera aspecto relacionado coas feiras mensuais ou monográficas que se celebran non municipio.

Debido ao extraordinario da situación actual, as obras, que han de ser inéditas, deberán enviarse até o 30 de abril ao correo concellodemoeche@gmail.com para ir recopilando e ordenando todas as creacións. Por iso se pide que se manden copias escaneadas das obras ou que se lles tire unha foto para poder ir facéndose unha idea do espazo que será necesario e tamén dunha posible estruturación temática da futura exposición. No asunto do correo debe incluírse a frase “EXPOSICIÓN FEIRAS” e no texto farase constar o título da obra, o nome completo e o DNI da autora ou autor.

Tan pronto como se desactiven as medidas sanitarias do Estado de Alarma -e as que poidan vir despois para evitar rebrotes do coronavirus-, cada participante deberá entregar a súa obra orixinal na Casa do Concello dentro dun prazo que se publicará, chegado o momento, nas redes sociais e na web municipal.

Todas as obras presentadas que cumpran coas bases formarán parte da primeira exposición temporal que se faga no Castelo de Moeche unha vez reabra as súas portas.

Exitazo dos retos visuais co gallo do 23 de Abril
Desa mostra artística tamén formarán parte os debuxos de Carlos García publicados no Facebook municipal ao longo da semana pasada a xeito de reto visual. Entre o sábado 18 e o mércores 22, foron subíndose á páxina institucional imaxes do artista nedense alusivas ao ambiente da feira do 23 de Abril. As persoas usuarias debían atopar nelas varios motivos ocultos sobre os que se daban pistas na publicación diaria.

As “pareidolias” -que así se denomina o efecto visual- de García tiveron tal éxito que superaron as mellores expectativas do Concello. Segundo as estatísticas da rede social, as cinco imaxes colleitaron en conxunto 19.615 visualizacións, preto de 700 gústames e comentarios e un total de 219 respostas acertadas. Entre todas as persoas que deron coa solución sorteáronse cinco agasallos. As premiadas na serie diaria foron Ana Santaya, Rubén Loureiro, Iria Cribeiro, Paula González e Nerea Doce. Por outra banda, García agasallou ao Concello con dúas imaxes máis -publicadas durante a fin de semana- e coa mesma filosofía, aínda que sen premio asociado. Entre as dúas tiveron un alcance próximo ás 5.000 persoas.

O concurso visual concibiuse como entretemento social e tamén como fórmula distinta coa que homenaxear a feira equina do 23 de Abril, festivo local e grande día de Moeche. Nesa xornada o Concello tamén publicou en Facebook unha galería retrospectiva sobre o evento con 1.053 fotografías das últimas edicións e, ademais, un pequeno vídeo que combinaba momentos da edición de 2019 con imaxes aéreas filmadas o propio 23 pola mañá, co recinto de San Ramón completamente baleiro. A peza obtivo un alcance de 9.792 persoas, compartiuse 104 veces e xuntou preto de 5.500 reproducións.