O Plan de Conservación é o instrumento co que se garantirá o equilibrio entre o réxime de usos e as actividades permisibles para os vindeiros seis anos e no que se recollen medidas, como a creación dun observatorio para aves na costa mais próxima ao ENIL
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se aproba o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Illas de San Pedro, converténdose no primeiro espazo en obter esta declaración de xeito definitivo na Cidade da Coruña. Trátase do instrumento que establecerá o réxime de usos e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para garantir a conservación do dito espazo natural.
O Plan de conservación, redactado pola Administración local, establece a normativa e as medidas de xestión necesarias para garantir a conservación dos valores naturais presentes nas Illas de San Pedro nos próximos seis anos.
Deste xeito, o Concello comprométese a garantir a conservación das especies e hábitats presentes neste espazo, cunha serie de medidas -as que prevé destinar un financiamento de máis de 100.000 euros- entre as que destaca a instalación dun observatorio para aves na costa mais próxima ao ENIL, co fin de levar a cabo diversas actividades educativas.
Tamén se inclúe un inventario das especies de flora, fauna e dos hábitats presentes no espazo e varios plans cos que conseguir a limpeza, mantemento e rexeneración de zonas degradadas, o fomento da biodiversidade, a erradicación de especies exóticas invasoras de fauna e flora e a concienciación e información ambiental con paneis de interpretación dos valores do ENIL; así como coas recomendacións relativas ao comportamento das persoas visitantes (vehículos, ruídos, luces, etc.)
Asemade, o DOG tamén publica a Orde pola que se declara, de xeito definitivo, este ámbito como espazo natural de interese local, xunto co Decreto polo que que aproba o seu Plan de Conservación.
Cómo recordar que os ENIL son aqueles espazos integrados nun termo municipal que polas súas singularidades son merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. Aínda que a declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a responsabilidade da súa xestión é municipal. Esta declaración definitiva non comporta a inclusión do espazo na Rede Galega de Espazos Protexidos nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.
Valores paisaxísticos e ecolóxicos
Os valores máis salientables de Illas de San Pedro son de tipo paisaxístico e ecolóxico. Os illotes son de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar formando parte da rasa costeira duns 8 km de ancho que percorre a provincia da Coruña de NE a SW. Dentro da avifauna, merecen unha especial mención as sete parellas de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) presentes no espazo, así como a presenza da gabita (Haematopus ostralegus). No que se refire aos valores etnográficos, atopamos os restos dunha antiga cetaria abandonada e un pequeno embarcadoiro na illa Vendaval.
O ENIL está singularizado no Catálogo das paisaxes de Galicia que o localiza na Gran área paisaxística das Chairas e Fosas Occidentais, no Arco Bergantiñán e no Plan de Ordenación do Litoral, formando parte da unidade “Costa de Caión”, dentro da área continua de protección costeira. A totalidade do ámbito do ENIL pertence ao Dominio público marítimo-terrestre.
Por último, ás illas tamén posúen un gran interese pesqueiro e marisqueiro, actividades estas tradicionais e compatibles coa xestión do espazo protexido.