Thursday 21 de November de 2024

Arredor de 4.000 persoas dan a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar no Concello de Ordes


Tras visitar o Belén vivinte instalado para a ocasión entregaron un por un agasallos e lambetadas a cada neno e nena que agardou por eles

Arredor de 4.000 persoas de toda a comarca de Ordes e doutros puntos da provincia acudiron esta tarde á cabalgata organizada polo Concello. Unha cita lúdica das máis importantes que se celebran en todo o municipio e na que participaron máis de 100 figurantes entre lanceiros, gardas, pastoriños, anxos, paxes reais e outros moitos personaxes que tamén forman parte do Belén vivinte que se instalou na Alameda da vila ordense.
Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron a súa entrada pola avenida Alfonso Senra a media tarde ata chegar ao antigo Concello. Alí agardaban por eles varios membros do equipo do goberno local, encabezado polo alcalde Manuel Regos e atenente de alcalde Silvia Marín. Tras o saúdo oficial todos se dirixiron ata a carpa onde quedou instalado o Belén vivinte, que este ano contou con aves exóticas, mulos, terneiros, cabras, ouvellas, ocas e no que se podían ver escenas protagonizadas por artesáns e lavandeiras. Tras entregarlle os agasallos ao neno Xesús en presenza de San Xosé e a Virxe María, os Reis Magos de Oriente ocuparon os seus respectivos tronos, por onde pasaron todos os nenos e nenas que agardaban por eles. Cada un deles recibiu ademais de lambetadas un agasallo sorpresa.