Friday 22 de November de 2024

“Palabras Maiores”: voces emocionadas e emocionantes sobre estes tempos que nos toca vivir


A Área de Igualdade do Concello de San Sadurniño empeza a publicar unha serie de testemuños sobre a levanza do confinamento no medio rural

Os obradoiros de Memoria Activa ofrecidos pola área de Igualdade do Concello de San Sadurniño foron unha desas actividades de dinamización social que se viron afectadas polo confinamento decretado polo Estado. Porén, a interrupción das sesións presenciais que se desenvolvían en varias parroquias non significou que os obradoiros se detivesen de todo, xa que o consistorio continúa mantendo contacto coas participantes para ver como lles vai, propoñerlles rutinas e, sobre todo, ofrecerlles unha conversa que lles axude a levar mellor a situación. Froito desas parolas xurdiu o proxecto “Palabras Maiores” que hoxe mesmo arranca na páxina municipal en Facebook. A través de pequenos cortes de audio que se publicarán todos os días ás 20.00h., as persoas de Memoria Activa cóntannos como perciben a actual situación, como é o seu día a día, que botan de menos… e tamén que cousas teñen pensado facer en primeiro lugar tan pronto como vaian levantándose as restricións á mobilidade. Son voces que falan desde a experiencia vital, voces emocionadas e emocionantes que nos ensinan a valorar o que realmente importa.

A primeira desas voces será a de Lucía Pita, unha muller de Naraío que supera amplamente os oitenta anos e a quen a idade non lle impide manter unha vida moi activa. É unha das youtubeiras das hortas, asistiu ás clases de pandeireta durante varios anos e non falta á súa cita semanal coa ximnasia de mantemento nin cos obradoiros ofrecidos polo Concello para manter a cabeza esperta.

Lucía -máis coñecida na parroquia como Lucita de Ernesto- asegura na súa intervención que ela e mailo seu home, Basilio, seguen durante o día unha rutina rigorosa “andamos ao redor da casa, plantamos a horta, facemos ximnasia de catro a cinco os dous, xogamos a partida, vemos a televisión, ás oito ceamos e así levamos a vida todos os días”. Comenta que a ela a vida na casa pouco lle cambiou. O que si mudou foi o que hai por fóra a raíz do confinamento: “Agora parece que está todo durmindo. Parece que non hai coches, que non hai xente… que non hai nada, ata parece que nin cantan os paxariños”.

Pero o que máis lle pesa a Lucita é non estar preto doutra xente “non ter a jinasia, a memoria (activa), tomar o café, os cumpleanos…” e, por riba de todo, non poder ter canda si os fillos e os netos, con quen mantén contacto a través dunha táblet. Porén, o aparello non suple o contacto humano: “a primeira cousa que faga cando poida saír da casa é abrazar a miña familia, os meus irmáns, os meus fillos e os meus netiños… que me tarda moito por velos”, di emocionada.

O testemuño de Lucia Pita irá seguido doutros vinte gravados e editados por Verónica Rodríguez, técnica municipal de Igualdade, a quen se lle ocorreu a idea escoitando o valor, a fondura e o sentimento co que falaban as súas interlocutoras nas chamadas de seguimento que foi facendo practicamente desde o comezo da crise. “Compartimos un tempo para expresar sensacións, emocións, preocupacións e, como non, moitas risas, nun momento en que, a pesar de vivir no rural e que o confinamento lles afecte dun xeito diferente, están a atoparse cunha ruptura nas relacións coas súas familias e seres máis queridos. Un contacto que supuxo conversas fluídas e moita espontaneidade, e que nalgunha ocasión, entre bágoas e risas, pasou máis dunha hora. Moitos desexos compartidos que cada unha das mulleres transmitiu cun encanto propio e persoal. Algo que as define de xeito diferente como únicas a cada unha delas, cada quen coa súa historia de vida e forma de ser”, explica Rodríguez.

“Palabras Maiores” componse de pequenos cortes de audio extraídos das conversas e servidos como pílula diaria no Facebook municipal -todos os días, sábados e domingos incluídos, a partir das 20.00h.- polo que Verónica ten xa feita unha composición acústica bastante aproximada a como están levando as persoas maiores estes tempos de peche obrigado.

Os anhelos non son “saír de compras, ir tomar un café ou de vacacións”, sinala a técnica, engadindo que a maioría das entrevistadas están vivindo a situación “con certa normalidade”. A iso quizais contribúa a experiencia acumulada a través dos anos vivindo momentos que deixaron pegada, tempos pasados de estreitezas económicas, intres duros que se superaron en cada momento, que curtiron caracteres e maneiras de enfrontar a vida, pero nada parecido á “carga emocional” que está tendo a actual crise. “Non ten nada que ver vivir no rural con vivir nas zonas máis urbanas. Pero aínda así emociónanse, manifestan os seus sentimentos e añoran esa parte familiar, o contacto humano cos seus seres queridos. As novas tecnoloxías non substitúen os abrazos que tanto extrañan”, resume Verónica Rodríguez.

O rural é, precisamente, outro dos fíos temáticos que zumegan de todas as conversas. Rural medio físico e rural medio social “cheo de vantaxes” neste e en calquera outro momento, descrito nos audios con detalles sobre “vivencias, costumes, as relacións de axuda entre a veciñanza, os valores, as tradicións culturais, os roles, un modo de vivir de xeito diferente”. Un medio que, afirma Rodríguez, “sen dubida é preciso coidar”.

Tanto a artífice das gravacións como as propias participantes coinciden en cualificar a experiencia de “Palabras Maiores” como algo “de grande valor histórico”, desde o momento en que os testemuños ficarán para o futuro “como un relato colectivo construído con voz de muller”.