Preto de 72.000 alumnos e alumnas e uns 4.400 docentes traballarán este ano nas distintas iniciativas a desenvolver
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria consolida o Plan Proxecta por terceiro ano consecutivo neste curso 2014-2015, coa participación de 420 centros de ensino público e concertado e co desenvolvemento dun total de 755 proxectos.
O Plan Proxecta é una iniciativa de innovación educativa posta en marcha polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, que busca a integración na planificación anual dos centros docentes de programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo. Nos proxectos que se realizan neste curso escolar participarán preto de 4.400 docentes e de 72.000 alumnos e alumnas de toda Galicia.
Cooperación institucional
Ao abeiro do Plan Proxecta e baixo a dirección do departamento de Cultura e Educación, convócanse baixo o mesmo marco metodolóxico os programas educativos que desenvolven oito departamentos do Goberno galego. Neste curso participan a Presidencia da Xunta de Galicia (a través da SX para o Deporte); a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (a través da DX de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e da SX de Igualdade); a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; a Consellería de Economía e Industria (a través do Instituto Galego de Consumo); a Consellería de Sanidade (a través do Sergas); a Consellería de Traballo e Benestar; a Consellería de Medio Rural e do Mar, e, por último, a propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a través da SX de Política Lingüística e do CGAI).
A xestión conxunta de todos os programas que os ditos departamentos canalizan cara ao ámbito educativo fai posible que os centros educativos poidan acceder a unha oferta unificada e ordenada ao inicio do curso escolar, que lles permita organizar e xestionar as actividades complementarias dentro das programacións curriculares desde o inicio. Permite así mesmo que estas actividades se integren no currículo escolar como plans de centro e non como actividades illadas ou puntuais desconectadas da metodoloxía de traballo dos centros docentes, que se adapten aos ritmos do curso escolar e non do ano natural (que condiciona a actividade das distintas consellerías).
Novos Programas
Este curso incorporáronse tres novos programas á oferta do Plan. Trátase do “Móvete+” (da Secretaría Xeral para o Deporte), que propón o aumento da actividade física diaria do alumnado dun xeito lúdico a través da construción dunha coreografía que chegue á comunidade educativa.
Así mesmo desenvólvese por primeira vez o “Rapazas emprendedoras nas TIC” (proxecto europeo promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia), que propón a realización dunha serie de actividades moi diversas encamiñadas á valorización social do papel das mulleres no desenvolvemento tecnolóxico e mais a incentivar a súa participación.
O terceiro deles, “Protexe o teu medio” (da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), ten como finalidade promover a investigación da comunidade educativa sobre a calidade do aire e da auga.
Ademais destes novos programas, o programa “Aliméntate ben” (da Consellería do Medio Rural e do Mar) ampliou a súa oferta cunha nova modalidade: “O sabor da aventura está no mar”, co que se pretende facilitar o coñecemento e incentivar o consumo de produtos do mar, para equilibrar as dietas alimenticias.
Recoñecemento
Cómpre subliñar que algúns dos proxectos realizados no curso 2013-2014 acadaron recoñecemento de premio a nivel nacional, o cal pon de manifesto a calidade do traballo realizado e canalizado a través do Plan Proxecta.
Todas estas experiencias e o interese mostrado polo profesorado na participación en iniciativas de innovación educativa como esta poñen de manifesto a gran capacidade e a calidade do traballo do profesorado galego, que en cada nova convocatoria se esmera en traballar de xeito conxunto e de forma interdisciplinaria para que o alumnado acade as competencias que a nosa sociedade demanda.