Friday 22 de November de 2024

O Concello atendeu 378 chamadas de persoas maiores desde a posta en marcha do servizo da liña de atención telefónica Acompáñote


 

Un total de 31 voluntarias/os participan nesta iniciativa que iniciou o pasado 31 de marzo a Concellería de Benestar Social para que as persoas que están soas poidan levar mellor o tempo de confinamento

O Concello atendeu un total de 378 chamadas
desde que o 31 de marzo se puxo en marcha servizo da liña de atención telefónica
Acompáñote. Esta iniciativa da Concellería de Benestar Social xurdiu co fin de que
as persoas que viven soas poidan levar mellor este tempo de confinamento. As/os
responsables municipais explican que non se trata dun teléfono de urxencias nin de
información sobre o Covid19, senón de acompañar a aquelas persoas maiores que
carecen de soporte familiar ou social ou non teñen acceso aos contidos dixitais e
queren conversar un anaquiño con alguén.
A liña gratuíta 900 920 500 é atendida por 31 voluntarias/os que falan con quen o
necesite durante a corentena na casa. Entre as persoas voluntarias, hai
psicólogas/os por se algunha das persoas precisar dunha atención máis profesional.
Desde a concellería, lembran que o horario de atención é das 10.00 ás 21.00 horas.
Durante o día, organízanse quendas para que a central redirixa a chamada a unha
das persoas que estean operativas nese momento. Ademais, desde o servizo de
atención cidadá 010 reconducen aos voluntarios do servizo as chamadas de quen
queira contactar con esta liña.

Por outra banda, a partir de agora serán as persoas voluntarias as que chamen
as/os maiores, naqueles casos en que así o soliciten. Esta medida articúlase porque
se recibiron chamadas de familiares para explicar que moitos dos seus maiores que
viven sos teñen problemas para utilizaren o teléfono.