Friday 22 de November de 2024

O concello de Ribeira amplía por segunda vez o prazo voluntario de pago do imposto de vehículos e a data límite pasa ao 15 de xullo


 

O Concello de Ribeira decidiu ampliar por segunda vez o período voluntario de pago do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica. Así, se nun primeiro momento a data límite para abonar este tributo pasou do 15 de maio ata o 15 de xuño, agora se demora un mes máis de tal forma que o prazo para satisfacelo finalizará o 15 de xullo.

Cómpre advertir tamén a aqueles contribuíntes que teñan este imposto domiciliado de que se lles vai pasar a cobro o 4 de maio debido a que o ‘mandato de remesas’ ás entidades bancarias que dá inicio a esta forma de pago xa se puxera en marcha antes do Estado de Alarma e só foi posible adialo un mes (nun principio, o cobro domiciliado estaba marcado para o 4 de abril).

Aqueles que non o teñan domiciliado poden pagalo no momento que o desexen cunha tarxeta bancaria no novo apartado “Os teus recibos a 1 click” da páxina web do Concello www.ribeira.gal.

IBI e IAE
Por outra, parte, hai que lembrar que o Concello xa ampliou o prazo de pago das taxas de auga, lixo e sumidoiros (cuarto trimestre do 2019), pasando do 15 de abril ao 15 de maio, e, por outra parte, solicitou á Deputación da Coruña un aprazamento de tres meses na contribución e no Imposto de Actividades Económicas, de tal forma que abranga dende o 1 de setembro de 2020 ao 20 de febreiro de 2021.