Friday 22 de November de 2024

Santiago de Compostela recibiu máis de 237 mil peregrinos no 2014, dos cales máis da metade foron estranxeiros


Isto supuxo un incremento de máis do 10% con respecto ao total de peregrinos do ano 2013 e un incremento de preto do 13% dos peregrinos estranxeiros que chegaron a Compostela no 2013

Un ano máis, as cifras do Camiño de Santiago demostran que é a ruta xacobea está en auxe e é de plena actualidade. O número de peregrinos que recolleron a Compostela no 2014 superou os 237 mil. Isto supuxo un incremento de máis do 10% con respecto aos peregrinos que acudiron á oficina do peregrino no ano 2013.

En relación aos mercados, os peregrinos estranxeiros supuxeron máis do 52% do total. Concretamente contabilizáronse 124.301 peregrinos internacionais na oficina de Santiago de Compostela, o que supuxo un incremento de preto do 13% se o comparamos cos peregrinos estranxeiros que chegaron a Compostela no 2013.

As procedencias foron moi diversas. Contabilizáronse máis de 156 países de orixe distintos, o que mostra a gran capacidade do Camiño para atraer visitantes de todo o mundo. Despois de España, o país do que procederon mais peregrinos no ano 2014 foi Italia, superando a cifra dos 20 mil peregrinos e aumentando en relación ao 2013 en case un 30%. Isto pódese deber en gran medida á celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Deste modo os peregrinos italianos superaron no 2014 aos procedentes de Alemaña, que nos últimos anos era o país do que acudían mais peregrinos estranxeiros.

Tras Italia e Alemaña, o ránking dos 10 principais países emisores de peregrinos estranxeiros continua con Portugal, Estados Unidos, Francia, Irlanda, Reino Unido, Corea, Australia e Canadá.

Tamén ocupan postos relevantes países como Brasil que se sitúa no posto duodécimo, de onde acoden mais peregrinos internacionais.

O Camiño Francés continúa sendo o mais demandado
No relativo aos camiños, a ruta que segue sendo a mais demandada é o Camiño Francés. En total mais de 161 mil peregrinos realizaron esta Ruta, representando o 68% do total dos peregrinos que chegaron a Santiago.

Tras o Camiño Francés, o Camiño máis transitado foi o Portugués, con mais de 35 mil peregrinos, o que representa o 14,9% do total. A estas dúas rutas séguenlle o Camiño do Norte, que ten un peso sobre o total do 6,34%; a Vía da Prata, cun 3,57%; o Primitivo, cun 3,48%, e o Inglés, cun 3,02%. O Camiño Inglés, a pesar de ser o menos transitado, é o que ten un maior crecemento de peregrinos. No 2014 incrementou en preto dun 63% o número de peregrinos que escolleron este Camiño con respecto ao ano 2013.

Máis de 336 mil viaxeiros aloxados no Camiño Francés
En canto aos viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros dos concellos polos que transcorre o Camiño Francés, nos once primeiros meses do ano foron 336.697, un 15% máis que o pasado ano.

Máis da metade deses viaxeiros foron estranxeiros, os cales aumentaron un 20,2% con respecto ao mesmo período do 2013.

As pernoitas do total de viaxeiros nestes establecementos do Camiño Francés foron máis de 355 mil, o que supuxo un aumento do 14,3%.