O Concello de Santiago, a través do seu Servizo de Apoio á Empresa pon en marcha un servizo de consultoría para apoiar ao pequeno comercio na preparación da volta á actividade económica. Ofrécense 15 prazas para a elaboración de plans de reactivación económica personalizados. As inscricións poden realizarse na web do CERSIA Empresa ata o 2 de maio ás 13:00 horas.
A crise socioeconómica orixinada pola crise sanitaria do COVID-19 ten orixinado unha especial situación de indefensión naquelas empresas que ou ben se viron obrigadas a cesar a súa actividade durante o período de confinamento ou ben tiveron que cambiar a operativa da mesma, reducíndose o nivel de actividade e facturación das empresas, como é o caso do sector do comercio minorista.
Dende o Servizo de Apoio á Empresa do Concello de Santiago estase dende o inicio da crise informando sobre os cambios lexislativos e os programas públicos de axudas dispoñibles, pero dada a extensión no tempo das medidas de confinamento considérase preciso no marco do programa Compostela Móvese 2022 COVID-19, aprobado na Xunta de Goberno Local do pasado 20 de abril, reforzar o traballo que se está realizando neste servizo cun servizo de consultoría especializado nos sectores identificados como estratéxicos por este.
Para dar cumprimento a este obxectivo, o Servizo de Apoio á Empresa lanza este programa de consultoría especializada dirixida a pequenos comercios para a realización dos seus plans de reactivación económica personalizados, nos que se inclúan as posibles medidas a tomar durante o confinamento, unha vez superada esta fase e a seis meses vista para o mantemento do negocio.
Cada un dos 15 comercios participantes terá dereito a un máximo de 12 horas de consultoría especializada por medios telemáticos no sector do pequeno comercio para a realización do seu plans de reactivación económica, no que se abordarán aspectos como a análise do impacto económico no negocio da crise do COVID-19, axudas e financiamento, posicionamento e alternativas de cambio, canles de venda, fidelización da clientela, etc.
En base a ese traballo de planificación, guiado por un consultor experto no ámbito do asesoramento ao pequeno comercio, realizarase un plan de accións a adoptar por parte do comercio, que servirá para facer o seguimento posterior, no que se analizará o impacto das medidas tomadas e se reorientarán de ser o caso en función dos resultados obtidos.
Para a realización das consultorías telemáticas empregarase a vía telefónica ou calquera plataforma de videochamada previamente acordada entre o pequeno comercio e o consultor. Como apoio empregaranse servizos de mensaxería telefónica ou o correo electrónico, que permitirá o envío de documentación. Novamente estarase ao que máis conveña ao comercio asesorado.
As 10 primeiras horas de asistencia faranse prioritariamente durante os primeiros 30 días de asistencia e as horas restantes estarán repartidas nos meses seguintes ata agosto, segundo se acorde con cada comercio. O comercio asesorado poderá contar con 1 ou 2 persoas nas sesións de asistencia. A posibilidade de que participen máis persoas do comercio asesorado, farase de acordo co consultor.
O servizo de consultoría será prestado por Ángel González, consultor de empresas e administración pública con máis de 15 anos de experiencia na consultoría de empresas e cunha ampla traxectoria no traballo con comercio minorista.
Compostela Móvese
O programa Compostela Móvese integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. A Oficina de Promoción Económica leva apoiando a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas, dende a súa creación no ano 2004.
Máis información e inscricións na web do CERSIA Empresa.