Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente desinfecta as zonas que frecuentarán máis as nais e pais con fillas e fillos desde mañá


 

Todas as prazas e os parques estarán listos para usar tras os traballos de baldeo, fumigación e nebulización que están realizando desde o xoves os equipos da Concellería de Medio Ambiente de cara ao desconfinamento da rapazada
A Concellería de Medio Ambiente traballa desde o xoves
na desinfección daqueles espazos abertos que poderán ser máis frecuentados por parte de
nais e pais con fillas e fillos, polo que os seus equipos limparon xa todo o perímetro
comprendido entre a Autoridade Portuaria e O Parrote, na Mariña; e o Paseo Marítimo
desde o Castelo de San Antón até o Millennium. Desde onte até hoxe, desinfectaranse o
Campo de Marte e as prazas de España, Durmideiras (pista de patinaxe e a praza do
mercado), Pontevedra, Portugal, Lugo (algo que xa se realiza todos os días igual que na
praza de María Pita, pero que se reforzará na parte exterior), Vigo, Tabacos, Cubela e As
Conchiñas-rúa Barcelona, así como as prazas de Recife, Pablo Iglesias, Salvador de
Madariaga, a do parque dos Mariñeiros (na zona do Centro Ágora), a da Constitución,
Tolerancia, Elíptica, Sagrada Familia e a de Padre Rubinos.
Á hora de trazar este mapa para a limpeza, valoráronse os lugares cunha maior densidade
de poboación e se existen ou non zonas verdes neles. O procedemento é por baldeo,
fumigación e nebulización e hai moitos espazos en que predomina a zona vexetal, que non
se pode desinfectar, e tamén se habilitarán para o ocio das nenas e dos nenos, como son o
Parque Europa, Paseo das Pontes, Parque de Santa Margarida, Parque de San Diego e o
de Oza, os Xardíns de Méndez Núñez, a Praza da Palloza, Catro Camiños, a zona das
Paxariñas, Parque de Adolfo Suárez, Parque de Eirís etc.

Por outra banda, se algún lugar en concreto non aparece na listaxe non quere dicir que non
estea sendo tratado, xa que a cidade está sendo obxecto diariamente de labores de
desinfección.