O novo vídeo enmárcase na campaña de concienciación da veciñanza #CoruñaQuedaNaCasa, que o Goberno local distribúe nas súas redes sociais e conta tanto coa participación de persoas anónimas de diferentes barrios como con rostros coñecidos da nosa cidade
Hai unhas semanas que o Concello da Coruña iniciaba
unha serie de accións de concienciación da veciñanza co lema #CoruñaQuedaNaCasa.
Agora toca lembrar os motivos que temos para seguir as indicacións das autoridades e
amplíase o lema coa idea: “Facémolo por…”.
O concello publica nas súas redes sociais unha peza audiovisual na que diferentes persoas
vencelladas á cidade relatan esas pequenas grandes cousas da vida que nos levan a
quedar na casa. Nesa relación de motivos están diferentes xeitos de socializar ou festexar,
os paseos polas rúas do barrio ou a beira do mar, a cultura, a educación e, por suposto, os
bicos e as apertas.
Persoas anónimas de diferentes barrios da cidade como Os Mallos, Os Castros, Novo
Mesoiro ou Monte Alto, comparten protagonismo con comerciantes ou rostros coñecidos
como o músico Xoel López, a actriz Berta Ojea, ou o director e coreógrafo de baile
tradicional Henrique Peón. Tampouco falta a representación do deporte con atletas
populares, de base e deportistas profesionais como Alex Bergantiños (RC Deportivo), Juan
Copa (adestrador do HC Deportivo Liceo) ou Carlos Martínez (xogador do Basquet Coruña).