Friday 22 de November de 2024

Nava Castro salienta a Ruta da Camelia como o fío condutor para descubrir o patrimonio vexetal e natural de Galicia


A directora de Turismo de Galicia, xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, presentou hoxe a sinalización deste produto turístico, “unha mostra máis da aposta por este recurso único e o traballo que se está a facer dende a Xunta por difundilo e promocionalo”

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Mª José Bravo, e mais o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Chema Figueroa, presentou hoxe no Parque de Castrelos en Vigo a sinalización turística da Ruta das Camelias.

“A Ruta da Camelia convértese no fío condutor para ir descubrindo o noso patrimonio vexetal, natural, a arquitectura dos nosos pazos o noso patrimonio eclesiástico e monástico; a riqueza da nosa gastronomía de costa e de interior”, explicou Nava Castro durante a presentación.

Unha sinalización que permitirá referenciar todos os xardíns e contornas incluídas neste produto turístico, situados nos concellos de Vigo, Soutomaior, Pontevedra, A Estrada, Vedra, Bergondo, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Padrón e Santiago de Compostela o de que da que Nava Castro manifestou que “é unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia por este recurso único e o traballo que se está a facer dende a Xunta de Galicia por difundilo e promocionalo”.

Así, co obxectivo de dar a coñecer este símbolo de identidade aos nosos visitantes e turistas, a directora de Turismo de Galicia, engadiu que por iso a Ruta da camelia conta ca cunha sinalización turística propia que permitirá identificar máis si cabe “un recurso que incide na nosa imaxe de destino experiencial e destino evocador de emocións e sensacións”.

Galicia é o segundo lugar do mundo con máis especies de camelia
Na súa intervención, Nava Castro lembro que Galicia é o segundo lugar do mundo con máis especies de camelia, despois de Xapón. “Concretamente, existen unhas oitenta especies e preto de 30.000 variedades diferentes de camelia”.

A directora de Turismo de Galicia fixo tamén un repaso aos lugares incluídos na Ruta da camelia, “que viste en inverno os xardíns de pazos, fortalezas e casas señoriais”.

Deste xeito, referiuse ao Castelo de Soutomaior, á finca da Saleta, en Meis; o pazo de Quinteiro da Cruz, en Ribadumia; o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa; dos que dixo “son exemplos de espazos na provincia de Pontevedra onde residen exemplares de diferentes especies coma a xapónica, a reticulata, a sinensis ou a sasanqua”.

Na provincia da Coruña, citou pazos como os de Vista Alegra e Santa Cruz de Ribadulla, o de Mariñán, en Bergondo, e a Casa-Museo de Rosalía de Castro, dos que dixo “son refuxios de paz onde as camelias reviven nos meses de inverno”.

Nava Castro lembrou que as camelias, ademais de adornar espazos privados, forman parte de numerosos xardíns e incluso están presentes nos centros das cidades.

Así, engadiu, “podemos atopalas en Santiago, na Alameda, dispersas pola Ferradura; ou en Pontevedra, con exemplares na Praza da Ferrería, na Rúa da Oliva on no cemiterio de San Mauro, así como nos xardíns do Pazo Provincial, no Palacete de Mendoza, na Finca do Areeiro ou no Pazo de Lourizán”.

Neste contexto, tamén se referiu a Vigo, onde se poden atopar flores deste tipo en lugares tan concorridos como a Avenida das camelias, os xardíns da Alameda, ou os bulevares da Gran Vía; “incluso no coñecido Monte do Castro e no Pazo-Museo Quiñones de León co seu paseo Antonio Odriozola ou o seu fermoso labirinto na que se atopa a afamada ‘matusalén’ das camelias”

Flor insignia de Galicia
Para Nava Castro, a camelia tense convertido na “flor insignia de Galicia”, e a súa historia, a súa tipoloxía, as súas características, a súa variedade de formas, así como as súas cores e tamaños fan dela “unha flor tan especial como interesante”.

Por todo isto, rematou a directora de Turismo de Galicia, “somos conscientes de que a camelia forma parte do patrimonio histórico e botánico de Galicia” e de que a súa ruta “é única en Europa e temos a gran sorte de tela en Galicia”.