A distribución farase con envíos individualizados a través de Correos
Xornada de moito traballo no Concello de Fene para ensobrar as máscaras lavables fabricadas pola SOGAPS menos dunha semana despois de térllelas encargado. Son 6.000 en total, 1.000 cunha talla reducida e cores rechamantes para distribuír entre a rapazada de entre 3 e 12 anos e outras 5.000 para persoas maiores de 60 ou que estean dentro de algún dos grupos de risco. Os cubrebocas veñen embolsados individualmente e cunhas sinxelas instrucións sobre o seu uso e lavado que han de seguirse rigorosamente para evitar posibles contaxios. Correos entregaraas a partir de mañá nos enderezos que figuran no padrón municipal de habitantes. Desde o Goberno local quéreselle expresar o agradecemento de toda a veciñanza de Fene á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a súa rede de persoas voluntarias polo esforzo que están facendo durante estes días para achegar máscaras a aqueles concellos que llelo solicitan, cobrando unicamente o custe do material.
Para establecer o número de cubrebocas que se van repartir, o Concello revisou o padrón municipal centrándose en todas aquelas persoas que tivesen 60 ou máis anos, entre as que se repartirán arredor de 5.000 máscaras.
Este grupo de poboación é un dos que máis risco de complicacións presenta ante posibles contaxios do coronavirus, ao igual que as persoas con problemas respiratorios, cardiovasculares ou coas defensas baixas. Esa é a razón de que a Administración local vaia distribuír entre elas a maioría dos cubrebocas, deixando unha pequena partida para persoas que, aínda non tendo esa idade mínima, se atopen nunha situación de risco.
O outro sector da poboación ao que se lles fará chegar un total de 1.000 máscaras son os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Se ben aínda non hai unha investigación que dea resultados concluíntes, “algunhas publicacións apuntan cara a unha posible transmisión do virus a partir de nenos asintómaticos”, tal e como se suxire nun dos documentos técnicos publicados polo Ministerio de Sanidade para a atención pediátrica.
Os pequenos tamén se poden contaxiar de coronavirus, pero a incidencia da COVID-19 é mínima e incluso pode non presentar sinais, de aí que o Concello tamén incluíse a rapazada como outro dos grupos destinatarios do lote de cubrebocas, pensando ademais en que a partir da semana que vén poderán saír á rúa e acudir á compra na compaña dun adulto.
As máscaras fabricadas pola rede de colaboradores e colaboradoras da SOGAPS teñen tres capas de tecido, incluído o filtro, e poden lavarse en auga quente a máis de 60º alomenos un cento de veces. Non teñen a cualificación de Equipamento de Protección Individual, pero si poden funcionar como barreira axeitada para evitar a saída de partículas no caso de que se esbirre ou se tusa levándoas postas.
O Concello de Fene recorda que o uso das máscaras debe ir acompañado sempre do distanciamento social de 1,5 a 2 metros e das máis estrictas medidas de hixiene: lavar as mans frecuentemente, non tocar os ollos, a boca ou o nariz, esbirrar ou tusir contra panos desbotables ou contra o interior do cóbado e, se se leva máscara, manipulala o menos posible e sempre coas mans desinfectadas ao poñela ou sacala.