A instalación será desinfectada a diario co canón de ozono e permitirá incluso realizar as probas sen ter que baixar do vehículo
O Concello de Brión colabora na realización do estudo epidemiolóxico
de seroprevalencia do coronavirus COVID-19 coa cesión da carpa do posto de mando
avanzado do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión. Unha carpa que esta mañá foi
instalada no aparcamento do centro de saúde brionés, que comezará a chamar de forma
aleatoria a uns 160 veciños e veciñas para a realización da proba.
O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “dende o centro de saúde nos pediron a
nosa colaboración para buscar unhas instalacións onde poder realizar estas probas dunha
forma segura e cómoda, tanto para os facultativos como para a veciñanza, polo que optamos
por cederlles o posto de mando avanzado que compramos no seu día para Protección Civil e
que permitirá incluso que as probas poidan facerse sen que o veciño ou veciña teñan que
baixar do coche”.
Así mesmo, o Concello de Brión utilizará o recentemente comprado canón de ozono portátil
para garantir a limpeza e desinfección diaria destas instalacións. “A través do persoal do
Grupo de Emerxencias Supramunicipal estamos limpando e desinfectando todos os días a
contorna do centro de saúde de Brión o que, unido á desinfección adicional que faremos co
canón de ozono no posto de mando avanzado, permiten garantir a seguridade dos veciños e
veciñas que sexan chamados a realizar estas probas”, apunta José Luís García.