Friday 22 de November de 2024

O Concello de Vimianzo incrementa o número de solicitudes nos servizos de entrega a domicilio


Máis de 60 familias fan uso do servizo de impresión de deberes, namentres que máis de 160 persoas usuarias fan uso dos obradoiros de memoria .

O Concello de Vimianzo incrementa cada semana o número de solicitudes nos servizos de entrega a domicilio. Máis de 60 familias fan uso do servizo de impresión de deberes, namentres que máis de 160 persoas usuarias se benefician da impresión das fichas de memoria.

Desde que se decretou o estado de alarma o pasado 14 de marzo, o Concello de Vimianzo impulsou unha serie de liñas de axuda para colectivos máis vulnerables, estudantes, persoas maiores e veciñanza en xeral.

Nesta liña, coordinouse entre o goberno local, Protección Civil, voluntarias e voluntarios e corpos de seguridade a entrega nos domicilios de produtos de alimentación e medicamentos mediante as solicitudes que fan chegar as persoas usuarias ao Concello.

Tamén se impulsou un servizo de impresión de deberes e material dos obradoiros de memoria, para que as rapazas e rapaces de Vimianzo en idade escolar non perdan o ritmo do curso durante o confinamento; tamén para que as persoas maiores poidan seguir exercitándose cognitivamente na casa.

Ademais, o Concello puxo en marcha un servizo de préstamo de equipos informáticos para as persoas que carecen dos mesmos e puxo a disposición da veciñanza unha liña de atención psicolóxica, que tamén rexistrou un incremento na actividade desde o pasado 14 de marzo.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, afirma que “estes datos son consecuencia de que moitísima xente demandaba estas axudas, e o incremento nas mesmas significan que son indispensables para a cidadanía. Seguiremos axudando a toda a veciñanza reforzando estes servizos durante o confinamento”, destacaba a rexedora.

Día do libro

Por outra banda, desde o Concello de Vimianzo animan á veciñanza a festexar o Día Internacional do Libro cunha serie de actividades para pequenos e maiores. Desde o departamento de Cultura propóñense unha serie de iniciativas, a destacar o ‘Lendo na ventá’, a través da cal se pretende que se acheguen imaxes da lectura ao enderezo cultura@vimianzo.gal. A fotografía máis orixinal e que máis ‘gústames’ consiga terá agasallo. Crearase un álbum coas fotos achegadas no perfil oficial de Facebook.