Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño tamén quedará este domingo sen Feira da Plantación


O Concello incorporará parte dos seus contidos á Feira Rural de finais de agosto, sempre e cando poida celebrarse

As medidas excepcionais decretadas polo Estado para previr o contaxio do coronavirus obrigaron xa ao comezo da crise a suspender todos os eventos públicos que había programados. Este domingo -último do mes de abril- en San Sadurniño tocaría celebrar a Feira da Plantación para a que se reservaban contidos especiais por tratarse da edición número 25. En principio ía engalanarse toda a avenida Marqués de Figueroa con flor e planta de temporada e, ademais, arredor da feira tamén se organizara o ciclo de conferencias “Apostando polo sector primario” que debería prolongarse até maio. Malia a suspensión deste domingo, a área de Desenvolvemento local non renuncia de todo a homenaxear as plantas. E é que, a expensas de como avance a situación e as recomendacións sanitarias, o Concello segue mantendo na axenda a Feira Rural do último sábado de agosto. Unha cita que, de poder celebrarse, incorporará parte dos contidos que estaban previstos para a cita deste domingo.

O titular da área, Manolo Varela, insiste en matizar que a Feira Rural de agosto irá adiante ou non “sempre que a situación sanitaria permita o seu desenvolvemento”. O edil engade, por outra banda, que a actual crise “está deixándonos moi clara” a importancia do medio rural “e das persoas que traballan nel” na cadea de produción e abastecemento de alimentos e que, polo tanto, “todas as institucións deben promover a súa posta en valor e apoiar o tecido produtivo de proximidade”.

Varela recorda que a actual situación sacou á luz “a excesiva dependencia” dos produtores e dos consumidores das grandes cadeas de distribución, e agarda que a crise “nos sirva de aprendizaxe para mudar o actual modelo cara a circuítos próximos, onde as feiras e mercados agora suspendidos poden xogar un papel fundamental, igual que ocorría aquí ata non hai tantos anos. Se os mercados locais de produtos da terra funcionan con éxito en países coma Francia, os Países Baixos ou Alemaña, tamén poden e teñen que funcionar ben aquí”.

Unha das claves que se mencionan desde Desenvolvemento local para conseguilo é “fomentar que a mocidade mire ao agro como unha posibilidade laboral con futuro” e, por outra banda, “garantir unha oferta de formación continuada sobre novas técnicas agropecuarias e sobre unha normativa reguladora do sector que está en cambio constante e máis orientada a satisfacer as grandes superficies que o comercio directo produtor-consumidor”.

O Concello de San Sadurniño colabora nesa liña con distintas entidades -a Asociación a Cortiña, a AGFA do Eume e a Casa do Mel- programando distintas accións formativas ao longo do ano, entre elas as xornadas “Apostando polo sector primario” que ían comezar este mesmo venres na Casa da Xuventude. Debido ás actuais circunstancias, Desenvolvemento local optou por adialas mantendo o seu contido e a expectativa de que poidan acomodarse no entorno da Feira Rural prevista para finais de agosto. Serán catro charlas centradas nas pragas e enfermidades das árbores froiteiras, sobre sanidade apícola, ao respecto da comercialización de horta, froita e lácteos no marco do novo decreto de Artesanía Alimentaria e, por último, sobre a comunicación dixital como ferramenta de posicionamento no mercado.

Neste sentido, o departamento tamén manterá os convenios anuais coa AGFA do Eume para o mantemento da horta de froiteiras e o desenvolvemento doutras accións de difusión e fará o propio coa Casa do Mel, encargada do colmear didáctico e do curso anual de apicultura que tamén ía comezar nestas datas. Os labores de conservación de ambos equipamentos seguen desenvolvéndose, pero a parte formativa e de dinamización tamén está a expensas de como vaia evolucionando a situación sanitaria. “Os cursos de poda de froiteiras e de apicultura están suspendidos, pero non renunciamos a retomalos tan pronto como se recupere a normalidade adaptando o seu contido ás tarefas que se poidan facer nese momento”, explica Manolo Varela.