Friday 22 de November de 2024

GAEM e Protección Civil repartiron material escolar por máis de 800 domicilios con orixe en doce centros educativos de Ribeira


 

Dentro das tarefas que están a realizar durante o Estado de Alarma o Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM) e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira figura o reparto de material escolar e didáctico polos domicilios do alumnado. No marco desta colaboración, son máis de 800 as familias ás que se lles está a entregar este tipo de materiais, procedentes de doce colexios.

Así, segundo se informou hoxe na Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19, esta mañá principiaba a entrega de material a 200 familias do colexio A Milagrosa de Oleiros e a 4 de A Capela de Carreira, ao que hai que sumar os repartos xa efectuados (nalgún caso, en máis dunha ocasión) aos IES Leliadoura e Número 1 e aos colexios Heroínas de Sálvora de Aguiño, Frións, O Grupo, Pé do Corniño, Artes, Bayón, Palmeira e Olveira.

Jealfer
Por outra parte, tamén se deu conta na comisión da recepción de tela doada por Jealfer para confeccionar unhas 15.000 mascarillas, polo que se agradeceu este xesto á familia Alonso Escurís, ademais de mostrar gratitude á empresa local Mariño Informática por entregar equipos para o Banco de Préstamo de Ordenadores con destino a alumnado do municipio (o número de contacto para esta fin solidaria é o 981 870 933).

Tocante ao reparto domiciliario de mascarillas, hoxe se están a distribuír en Palmeira principiando pola zona de Laguiña e Esteirón. Unha vez conclúa esta parroquia unicamente quedarán as dúas máis poboadas: Aguiño e Santa Uxía. Se algún veciño ou veciña das parroquias onde xa se pasou non recibiu a súa mascarilla pode poñerse en contacto con Protección Civil no número 981 876 029.

Un último punto da comisión foi a adhesión á campaña “Cuidamos tu energía” de Naturgy en virtude da cal os membros da Policía Local e o GAEM que o desexen poden recibir durante un ano servizo gratuíto de avarías de enerxía, como luz, gas ou electrodomésticos.