Monday 25 de November de 2024

O concello consultará á Xunta sobre a posible reapertura do mercadillo


 

Logo de que unha modificación no decreto estatal do Estado de Alarma volve a deixar aberta a posibilidade de celebrar mercados de proximidade, o Concello de Ribeira decidiu hoxe na Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 elevar unha consulta á Xunta de Galicia como institución competente sobre a eventual celebración ou non do mercadillo dos sábados.

Cómpre lembrar ao respecto que unha orde da Consellería de Medio rural publicada no DOG o 24 de marzo prohibía a partir do 31 a celebración de mercados tradicionais, pero prevía xa unha serie de medidas de seguridade para cando se levantase tal prohibición: medidas que, por certo, foron concretadas seguindo o modelo que se aplicou en Ribeira ao principio do confinamento, cando se mantivo a parte dedicada a alimentación.

No caso de non obter resposta positiva, o Concello seguirá mantendo pechado o mercadillo da cidade.

Reforzos
Por outra parte, tamén na Comisión se aprobou contratar dous novos membros para o GAEM mentres dure o Estado de Alarma, o que eleva a dez o número de efectivos entre o grupo de emerxencias e Policía Local que se deron de alta durante o confinamento para reforzar estes servizos.

Outros asuntos abordados foron as novas denuncias formuladas pola Policía Local por incumprir o confinamento (catro nas últimas 24 horas) e a adquisición de 300 metros de tela para a confección doutras 12.600 mascarillas. A este respecto, cómpre informar de que o reparto domiciliario de mascarillas xa pasou por Corrubedo, Olveira, Artes, Oleiros, Castiñeiras e Carreira e hoxe estaba previsto principiar Palmeira.