O material poderá retirarse dende esta mesma tarde nas seis farmacias do municipio
O Concello de Noia repartirá de forma gratuíta un total de 1.800
máscaras de protección contra o coronavirus COVID-19 entre os veciños e veciñas maiores
de 65 anos. O alcalde, Santiago Freire Abeijón, explica que “repartiremos estas 1.800
máscaras entre os nosos maiores, por seren un dos colectivos máis vulnerables ao
coronavirus, e para iso contaremos coa colaboración das seis farmacias de Noia, que dende
esta tarde procederán a entregar dúas máscaras por unidade familiar”.
O alcalde sinala que “este reparto de material entre os nosos maiores é só unha primeira
medida, posteriormente haberá novas entregas”. O material foi entregado esta mañá por
persoal municipal e integrantes de Protección Civil nas seis farmacias do municipio: Busto
Rodríguez (rúa Comercio, 23), Cruces Zabala (rúa Gómez de Ares de Guisamonde, 1),
Fernández Leiceaga (Sosfreixos, 3), Leiceaga Baltar (rúa Comercio, 1), Veiras Pérez (rúa
Calvario, sn) e Jorge Barros (Vista Hermosa, 16).
Freire Abeijón agradece a colaboración destes profesionais “para facerlle chegar este
material de protección ás persoas que o necesitan e que poderán recoller cando teñan que
achegarse á farmacia máis próxima á súa vivenda”.
Con este reparto de 1.800 máscaras entre a veciñanza, o Concello de Noia continúa co seu
labor de facilitar material de protección aos distintos colectivos do municipio. Durante as
primeiras semanas da crise sanitaria, este material foi repartido entre persoal do servizo de
axuda no fogar, Protección Civil, Policía Local e persoal municipal para garantir a súa
seguridade na prestación dos seus servizos esenciais.
Posteriormente, o Concello de Noia repartiu elementos de protección entre os comerciantes
da Praza de Abastos e entre os voluntarios e voluntarias da Cruz Vermella e Cáritas no
municipio. Así mesmo, durante a pasada semana entregáronse máscaras de protección ás
persoas que se reincorporaban aos seus postos de traballo despois do permiso retribuído
recuperable decretado polo Goberno.