O Concello de Frades vén de entregarlle ao CPI de Ponte Carreira un
total de sete ordenadores portátiles con conexión a Internet para repartir entre os nenos e
nenas do municipio que carecían de medios para acceder á educación a distancia. Unha
achega realizada polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, quen explica que “con esta
medida, o Concello de Frades pretende que ningún neno ou nena quede atrás mentres dure
esta crise do coronavirus”.
Estes sete ordenadores únense aos tres achegados pola Xunta de Galicia, de forma que todos
os nenos e nenas do municipio contan xa con medios telemáticos para continuar coa súa
formación dende a casa. Uns equipos que xa foron recollidos polas familias no CPI de Ponte
Carreira, que os citou en diferentes quendas con 20 minutos de separación.
A maiores, o Concello de Frades tamén procedeu ao reparto a domicilio dos libros que o
alumnado tiña no colexio e ten en marcha un servizo de impresión de deberes, que se
entregan semanalmente nas vivendas do alumnado que o precisa. Ferreiro Marzoa apunta que
“seguimos a disposición do colexio e das familias do alumnado do CPI de Frades para
intentar solucionar todas as dificultades que poidan xurdir durante este tempo de
confinamento nas casas”.