Milleiros de nenos e nenas asistiron un ano máis á chegada dos Reis Magos a Santiago de Compostela. Logo da tradicional Cabalgata polas rúas da cidade, no Pazo de Raxoi, un por un puideron expresarlle ás Súas Maxestades as súas peticións en forma de agasallos.
Gaspar, Melchor e Baltasar chegaron un ano máis a Santiago en tren. Na estación foron recibidos polo carteiro real e pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago. Despois da cariñosa benvida, realizaron o multitudinario percorrido polas rúas da cidade, pasando por Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro.
Xunto ás carrozas dos Reis Magos percorreron as rúas a carroza da Estrela Real de Oriente, a carroza do Carteiro Real cos seus paxes, a Carroza de Inverno e a Carroza do Camiño da Ilusión. As comitivas de Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron encabezadas por escuadróns de cabalos e rodeadas de heraldos. En total, houbo máis de 100 figurantes, aos que se uniron tamén uns 200 nenos e nenas máis que foron a bordo dun autobús antigo, das carrozas e dos dous trens turísticos. Unha charanga con repertorio de Nadal participou no percorrido e amenizou as rúas de Compostela. Repartíronse 2.000 quilogramos de caramelos sen glute.
A Banda Municipal de Música agardaba na praza do Obradoiro ás Súas Maxestades, que foron recibidas polo alcalde, Agustín Hernández, e membros da Corporación. Saudaron os rapaces dende os balcóns de Raxoi, onde estivo unha intérprete da lingua de signos. A continuación, os Reis Magos recibiron os nenos e nenas que o desexaran, un por un, no salón vermello. Mentres agardaban, malabaristas, zancudos, pompeiras, monociclistas e máis personaxes amenizaron a espera dos máis pequenos.
As Súas Maxestades tamén aproveitaron a visita ao Pazo de Raxoi para entregar os agasallos aos nenos gañadores do Concurso de Cartas de Nadal que nesta ocasión foron Amal Abdel Salem, de 9 anos, Abel Vidal Mansilla e Emma Rey Castiñeiras, ambos os dous de 5.
Animación
A animación da Cabalgata correu a cargo de Barafunda Animación que escolleu como temática “Os Camiños de Santiago no Arco da Vella”. Deste xeito, cada camiño foi representado na comitiva por diversos elementos de animación diferenciados por unha cor. Pero en todas houbo un nexo común, un globo aerostático da cor elixida para cada un dos camiños. Estes globos representaban a viaxe, a aventura e a emoción de facer calquera dos Camiños a Santiago de Compostela. Cada globo aerostático estaba composto por 400 globos con luz no seu interior, cheos de helio e ían manexados por un piloto vestido de fantasía.
Cando a cabalgata chegou á praza do Obradoiro, soltáronse os globos das diferentes cores cara o ceo formando no aire o Arco da Vella. Neste intre mesturáronse os globos blancos, que representaban o Camiño do Norte; os vermellos, do Camiño Inglés; os laranxas, que identificaban a ruta da Prata; o amarelo do Camiño Primitivo, o verde do Camiño Portugúes; o azul, do marítimo; os globos violetas, do Camiño Francés; e os rosas, do camiño de Muxía – Fisterra.