Friday 22 de November de 2024

O Goberno local convocará a Comisión de Facenda a finais desta semana, co obxectivo de abordar medidas para reactivar a economía da cidade


 

As e os representantes dos partidos políticos analizaron na reunión desta mañá en María Pita as distintas actuacións adoptadas polo executivo para lles dar resposta ás necesidades da veciñanza máis vulnerable

A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local,
José Manuel Lage, mantiveron esta mañá unha nova reunión co resto das/dos
voceiras/os municipais para as/os informaren das últimas actuacións que o
executivo puxo en marcha de cara a cubrir as necesidades da veciñanza máis
vulnerable, e mais para abordar as achegas dos grupos da oposición ante a crise
sanitaria actual.

Na mesma xuntanza, a alcaldesa anunciou que o Goberno local convocará a finais
desta semana a Comisión de Facenda, co obxectivo de pór en común e valorar as
posibles medidas destinadas a dinamizar a economía local unha vez que finalice o
estado de alarma.

Desta maneira, o Goberno quere estudar de xeito conxunto co resto das forzas de
María Pita as medidas económicas, coa idea de deseñar un paquete de medidas
que poidan cumprir coas necesidades dos sectores produtivos da cidade. A idea é
que desde María Pita se poida impulsar a recuperación e acurtar os tempos para
que a actividade económica se recupere o antes posible.

Nota de Prensa

Así, entre outras medidas formuladas polo Goberno municipal, estudaranse novas
axudas económicas que sirvan para reactivar os sectores máis prexudicados pola
crise sanitaria.

Para tal fin, o Goberno local, segundo explicou o voceiro municipal, abordará unha
probable modificación do orzamento actual que permita adaptalo á nova situación e
sirva para reforzar o emprego e as axudas sociais. Ademais, a rexedora destacou
que é importante que as medidas que poida aprobar o Goberno municipal non se
solapen coas actuacións futuras do Goberno de España e da Xunta de Galicia.
Preténdese que sexan complementarias, de tal maneira que a colaboración das
administracións faga menos difícil a volta dos negocios e das empresas ao nivel de
actividade que tiñan antes da crise sanitaria.
Durante a reunión, informouse os voceiros dos grupos da oposición dos novos
dispositivos de emerxencia que se estableceron no pavillón de Riazor, que dispón
agora dunha capacidade para 119 persoas sen fogar, así como da cantidade de
equipos de protección cos que conta o Concello e os que ten previsto recibir nos
próximos días.
Tanto a alcaldesa, Inés Rey, como voceiro municipal, José Manuel Lage,
destacaron o clima de diálogo e a actitude construtiva de todos os grupos políticos e
agradeceron o seu apoio nestes momentos de crise.