Trátase dunha iniciativa participativa na que se convida á cidadanía a tomar imaxes desde as súas fiestras e balcóns.
O Concello de Muxía será o primeiro municipio da Costa da
Morte en sumarse ao proxecto ‘Desde mi balcón’ organizado por PhotoEspaña.
Trátase dun proxecto participativo no que se convida á cidadanía a tomar
instantáneas desde as súas fiestras e balcóns.
Posteriormente, está previsto levar a cabo unha exposición en diversos puntos do
municipio. A convocatoria, impulsada por PhotoEspaña, conta coa participación de
localidades como Barcelona, Córdoba, Logroño ou Madrid.
En Galicia, polo momento só se sumaron as cidades da Coruña e Vigo, á que
habería que engadir agora Muxía, a vila da Costa da Morte. O banco de imaxes
conta xa con máis de 24.000 nas contas de Instagram e 11.000 participacións
rexistradas no enderezo web.
As persoas interesadas en participar poden utilizar os cancelos #phedesdemibalcón,
#PHE20 e #photoespana ata o 17 de maio, seguir á conta @photoespana e
completar o rexistro na web www.phe.es . A páxina de PhotoEspaña amosará unha
selección diaria das mellores, que posteriormente serán seleccionadas para unha
mostra en cada cidade.
Con estas exposicións preténdese dar recoñecemento á cidadanía o seu exemplo e
sacrificio nestes momentos. Así, no momento no que se poida volver gozar dos
espazos abertos das cidades e as vilas, esta mostra permitirá ás muxiás e muxiáns
compartir unha infinidade de persectivas da nosa contorna.
O alcalde, Iago Toba, amosouse “tremendamente ilusionado por esta iniciativa, xa
que será algo que lembraremos sempre. Compartir a mirada de cada quén a través
dunha imaxe é un momento finito pero infinito ao mesmo tempo”, comenta o
rexedor.