O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo presentou hoxe o Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020, para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID19″. Conta cunha previsión económica inicial de 5.001.439,69 euros, e contempla 23 medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Trátase dun plan deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio unha vez remate o periodo de confinamento, que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e a poboación desempregada.
O alcalde lembrou que a estas medidas vanse sumar as que están deseñando as concellarías de Turismo e de Acción Cultural, que se presentarán nun futuro próximo. Adiantou que se está completando o plan en materia turística, destacando que se trata dun sector moi importante para Santiago, “porque emprega a miles de traballadores e porque supón, prácticamente, o 20% do PIB da nosa cidade”.
Tamén é importante, sinalou, o “mundo da cultura”. Sánchez Bugallo recoñeceu que as industrias culturais estánse movendo nun escenario “moi complexo”, e espera que en dúas semanas “podamos presentar o plan de reactivación da cultura”. Subliña que “todos os imputs que recibimos, tanto da Unión Europea como do Goberno Central, indícannos que a actividade cultural plena”, reanudaríase ao final das sete fases nas que, indicou “parece que se vai dividir o período de recuperación”. O alcalde sinalou que o goberno local é consciente do mal que o está pasando o sector e engadiu, “estamos traballando intensamente nesta cuestión”.
Acompañado do responsable da área de Emprego, Xabier Ferreiro, o alcalde explicou que este Plan Marco de Reactivación Económica estrutúrase en 23 medidas, enfocadas a seis eixos estratéxicos, que á súa vez están agrupados en catro bloques.
Os seis eixos estratéxicos son: axudas directas a comerciantes, hostalería, persoas autónomas e microempresas; apoio específico ao sector do comercio; reforzo da política de fomento da actividade económica e apoio ás novas persoas emprendedoras; contratación directa de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese social; mellora do mercado de traballo local; cualificación e inserción profesional; e medidas fiscais.
Dos cinco millóns de euros contemplados no plan, algo máis de 2.000.000 de euros están destinados á contratación de persoas desempregadas, 1.350.000 euros a axudas directas ás empresas; case 830.000 euros a dinamización económica, máis de 500.000 euros á dinamización comercial, e outros 300.000 á mellora do mercado laboral.
Bloque 1. Medidas fiscais
O bloque 1, de medidas fiscais, conta cunha previsión económica inicial de 435.000 euros. Contempla as seguintes medidas:
– En relación co imposto de bens inmobles, habilítase un novo prazo para poder acollerse ao sistema especial de pago ata o 31 de maio do 2020. Isto permitirá poder pagar o tributo en tres prazos (5 de xullo, 5 de setembro e 5 de novembro), sen xuros.
– En relación coa taxa do lixo para actividades afectadas pola declaración do estado de alarma, contempla non aplicar a cota variable do tributo durante o período de tempo no que deban de permanecer pechadas. Conta cunha previsión de gasto inicial de 80.000 euros.
– En relación coa taxa por ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, contempla que se minore o importe do recibo durante o tempo que non se puido ocupar o domino público como consecuencia do estado de alarma. Conta cunha previsión de gasto inicial de 55.000 euros.
– Gratuidade do estacionamento en zonas de ORA (exceptuando a contorna da praza de Abastos), durante a vixencia do estado de alarma. Conta cunha previsión de gasto inicial de 300.000 euros.
Bloque 2. Comercio local
O bloque 2, de apoio ao comercio local, conta cunha previsión económica inicial de 1.140.000 euros, e contempla seis medidas:
– Campaña de comunicación de apoio ao comercio local: #EuMercoAquí, “Desta saímos xuntos, o comercio local é vital”, cunha previsión de gasto inicial de 60.000 euros.
– Campaña “Parking gratuíto. Ven de compras a Santiago”, co obxectivo de gañar en competitividade e atraer á clientela ao centro da cidade. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.
– Programa de dinamización comercial “Festa da primavera”. Co obxectivo de dinamizar os sectores comercial e hostaleiro, desenvolverase un amplo programa festivo (concertos, animación de rúa, etc…). Conta cunha previsión de gasto inicial de 200.000 euros.
– Convocatoria de axudas aos xuros das operacións de crédito concertadas polo sector comercial para a obtención de liquidez, complementarias aos créditos ICO e aos créditos do IGAPE. A contía da subvención será o 75% do aboado en concepto de xuros co límite de 1.000 euros por persoa beneficiaria. Conta cunha previsión de gasto inicial de 105.000 euros, que poden ser ampliables ata 305.000 euros.
– Convocatoria de axudas para a mellora e innovación da empresa local “Coidar para mellorar, mellorar para coidar”, dirixidas a achegar recursos ao comercio local para a adecuación física dos locais, TICs e outras innovacións (para apostar pola venda on-line), e para a realización de campañas de comunicación en lingua galega. Conta cunha previsión de gasto inicial de 310.000 euros.
– Convocatoria de axudas dirixidas ás asociacións de comerciantes para actividades de promoción e dinamización comercial, cunha previsión de gasto de 60.000 euros.
Bloque 3. Promoción do emprego
O bloque 3, de promoción do emprego, conta cunha previsión económica inicial de 2.633.439,69 euros, e contempla sete medidas:
– Convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea. Ten por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas da cidade, coa subvención ás empresas que realicen contratos de traballo dunha duración mínima de 4 meses a tempo completo, por un importe de 2.000 euros por traballador/a. Conta cunha previsión de gasto inicial de 300.000 euros.
– Creación dun “Programa de cualificación profesional”, con accións formativas destinadas a 2.500 persoas. Incluirá unha oferta de máis de 5.700 horas distribuídas en máis de 100 itinerarios formativos nos sectores e especialidades con maiores oportunidades de emprego a través de formatos on-line e presencial. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.
– Foro “Talentia Summit 2020”. Cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros, vaise reforzar a celebración do encontro Talentia, involucrando directamente ao tecido produtivo e económico da cidade, na presentación de alternativas á creación e procura de emprego e á intermediación laboral. Terá como obxectivo prioritario, facilitar a xestión de 500 ofertas de emprego.
– Ampliación do programa de actividades da Axencia Local de Colocación, coa articulación de accións de información, intermediación e orientación laboral en colaboración coas entidades do Pacto polo Emprego. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros.
– Programas de contratación temporal directa polo Concello de Santiago en colaboración ca Xunta de Galicia. A través dos mesmos, está prevista a contratación de 70 persoas desempregadas, a través de obradoiros de emprego, contratación directa de persoas desempregadas, vulnerables, e contratación de mulleres. Conta cunha previsión de gasto inicial de 1.448.125 euros.
– Programas de formación e inserción en colaboración coa Xunta de Galicia. contempla un programa integrado de formación e inserción profesional destinado a 100 mulleres desempregadas. Conta cunha previsión orzamentaria inicial de 230.315,25 euros,en colaboración coa Xunta de Galicia.
– Programas de contratación temporal directa polo Concello de Santiago en colaboración co Goberno Central. Trátase dun programa de contratación de 12 persoas desempregadas para a realización de obras de interese social. Conta cunha previsión de gasto inicial de 355.499,44 euros.
Bloque 4. Promoción Económica
O bloque 4, de Promoción Económica, conta cunha previsión económica inicial de 793.000 euros, e contempla seis medidas:
– “Compostela Móvese 2020. COVID19”. Trátase dun servizo de apoio integral ao emprendemento e a economía social, que conta cunha previsión de gasto inicial de 203.000 euros divididos en:
I. Servizos de Asesoramento orientados á creación de proxectos cooperativos e colaborativos no eido do emprendemento. 65.000 euros.
II. Actividades de apoio á captación de investimentos e iniciativas empresariais de carácter industrial: 30.000 euros.
III. Actividades de fomento da economía social: 30.000 euros.
IV. Programa de promoción de economía circular: 15.000,00 €
V. Programa de promoción da actividade económica no rural: 30.000 euros.
VI. Patrocinio da Maker Faire Galicia: 15.000 euros
VII. II Feira de Mulleres emprendedoras de Compostela: 18.000 euros
– Creación do Comité Económico de Crise, un equipo de estudo, coordinación e co-deseño das políticas económicas a implantar polo Concello de Santiago. Conta cunha previsión de gasto inicial de 20.000 euros.
– Creación dunha liña de formación e consultoría on-line. Trátase dun servizo de asesoramento e apoio ás empresas na elaboración de 50 plans de reactivación económica. Conta cunha previsión de gasto inicial de 30.000 euros.
– Creación dunha liña de axudas aos xuros das operacións de crédito concertadas por persoas autónomas e micropemes de Santiago de Compostela (similar ao do comercio minorista), e complementarias as axudas do ICO e do IGAPE. Conta cunha previsión de gasto inicial de 100.000 euros, (ampliables a 300.000 euros).
– Ampliación da participación do Concello en UNINOVA, para o desenvolvemento de programas de transferencia de tecnoloxía e creación de iniciativas empresariais innovadoras. Conta cunha previsión de gasto inicial de 90.000 euros.
– Reforzo dos convenios de colaboración coas distintas entidades empresariais, como a Asociación Área Empresarial do Tambre e a Cámara de Comercio de Santiago, para o desenvolvemento de accións de apoio á actividade empresarial. Conta cunha previsión de gasto inicial de 150.000 euros.