A lei autonómica de prevención de incendios forestais obriga a que, antes do 31 de maio de cada ano, todas as parcelas lindeiras con vivendas e outros equipamentos públicos e privados estean libres de maleza, de cara a protexelas ante un eventual incendio forestal. Trátase dunha norma que deben cumprir todas as persoas propietarias e, de non facelo, tanto a Xunta como os concellos poden executar de forma subsidiaria os labores de roza e corta que sexan necesarios. Iso mesmo é o que está facendo o Concello de Fene desde hai uns días nos arredores de sete vivendas situadas en distintos puntos do municipio e tamén nunha parcela do polígono do Vilar do Colo.
Os traballos subsidiarios comezaron xa a semana pasada como resultado de expedientes iniciados pola área de Urbanismo que levaban abertos pero sen solución desde hai tempo. Tal e como sinala o titular do departamento, Manuel Polo, “os procedementos teñen entre 9 e 20 meses de antigüidade” e refírense a sete parcelas colindantes con vivendas nas que non se estaban respectando as distancias mínimas das faixas de protección.
Tres dos predios que xa se están rozando e nos que se están cortando árbores -principalmente eucaliptos- encóntranse en Fene, outros tres en Limodre e un en Sillobre, mentres que o oitavo é lindeiro cunha das parcelas do polígono industrial.
Segundo a normativa vixente, a xestión da biomasa é obriga da persoa propietaria ou arrendataria dos terreos e poderá contratala ou elixir o sistema que considere oportuno. En todo caso deberá terse realizado antes do 31 de maio de cada ano. As distancias que se deben gardar con respecto a chan urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable son de 2 metros se existen frondosas caducifolias -carballos, castiñeiros, etc.- mentres que as especies pirófitas, como son eucaliptos e piñeiros, deben estar a alomenos 50 metros. En calquera caso os espazos deberán estar libres de calquera tipo de maleza.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, afirma que o Concello “será inflexible” co incumprimento da lei sinalando que quen teña propiedades “debe atendelas”. En caso contrario a Administraicón local procederá “incluso de oficio” para que se respeten distancias das plantacións e que se limpen as fincas.
Un dos problemas detectados é o estado de abandono en que se encontran moitos predios herdados, tanto de terras de cultivo como forestais. Neses casos en que existen dificultades para identificar aos propietarios ou nos que se constata unha deixadez por parte dos herdeiros tanto no mantemento como na atención ás notificacións que se lles comuniquen, “o Concello iniciará expedientes de expropiación forzosa para que pasen a titulariedade pública”.
Por último, desde o Concello lémbrase que o actual Estado de Alarma non impide a a limpeza de fincas nin os traballos forestais e que, ademais, o Diario Oficial de Galicia publicou hoxe mesmo un modelo de declaración para que as persoas titulares poidan achegarse aos montes para identificar xunto cos madeiristas onde deben facer as cortas.