Colaborou coa organización da feira internacional Womex 2014 e as actividades de Nadal levadas a cabo nas últimas semanas
A Deputación da Coruña volve a comprometerse cos concellos da provincia e, neste caso, achegará 110.000 euros ao municipio de Santiago de Compostela a través de dous convenios para sufragar distintas actividades levadas a cabo polo goberno local.
O primeiro dos acordos aprobados en pleno por valor de 100.000 euros permitirá ao Concello sufragar o 80% dos gastos de organización da Feira Internacional Womex 2014 e o programa de Nadal levado a cabo nas últimas semanas e que incluía dende talleres de regalos e de decoración de Nadal ata obradoiros doutro tipo nos centros socioculturais como o de cociña familiar, fabricación de xabóns, postais… Tamén con esta achega pode asumir o custo de festivais e bailes, exposicións, xogos na rúa e a campaña de recollida de xoguetes.
No caso do evento internacional, abonarase parte dos documentais e gravacións de concertos con músicos de todo o mundo, así como o concerto inaugural e os premios anuais Womex.
Ademáis, a Deputación aporta tamén 10.000 euros para financiar a campaña turística que presentou a Santiago de Compostela como destino gastronómico en Madrid. Con esta achega colabórase cos gastos de persoal, desprazamentos, aluguer do espazo, soportes gráficos montaxe e produción. Os fondos provinciais sufragan así o 80% do gasto total que ascendeu a 12.500 euros.