Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño distribúe produtos perecedoiros do comedor escolar entre as familias do alumnado que máis os precisan


 

O departamento municipal de Servizos Sociais preparou esta mañá seis lotes con alimentos perecedoiros que se encontraban na despensa do colexio público e que, a raíz do peche do comedor, corrían o risco de botarse a perder. Trátase de queixo, tortas, flans, xamón, embutidos, chocolate, fariña e outros produtos en perfecto estado pero que tiñan unha data de caducidade prevista para a primeira quincena de maio, razón pola que o Concello e maila dirección do centro acordaron distribuílos entre as familias con nenas e nenos que se encontran nunha situación máis vulnerable e que, na práctica totalidade dos casos, xa viñan sendo atendidas polos servizos sociais municipais desde antes do Estado de Alarma.

Tal e como explicou a Educadora Familiar, Pilar Calvo, a diferenza das vilas e cidades, en San Sadurniño os efectos socioeconómicos da crise sanitaria aínda non están tendo a repercusión que xa se detectou “noutros concellos máis urbanos onde si se notou moito. Eu creo que aquí, ao ser un concello rural vai ser algo que se vai notar máis paulatinamente”.

Xa desde os primeiros compases do Estado de Alarma, Servizos Sociais está facendo un labor de prospección para detectar posibles casos que precisen asistencia urxente, ao tempo que se reforzou o seguimento de familias que estaban sendo asistidas directamente antes da crise, aquelas incluídas no programa de Educación Familiar e mesmo aquelas beneficiarias de bolsas escolares que contan con escasos recursos económicos.

Porén, o persoal técnico municipal tamén comenta outra realidade: a das familias e persoas que, malia encontrarse en dificultades e a pesar de que o Concello contacte con elas para ofrecerlles axuda, son reacias a recibila. A esa realidade referiuse Secundino García, como máximo responsable da área de Servizos Sociais, volvendo insistir en que “o Concello está para axudar, e máis aínda nunha situación como a que vivimos. Temos profesionais que saben como axudar e con total confidencialidade. Vivimos momentos complicados e calquera persoa que o precise pode e debe chamar ao Concello -981 490 027- con total confianza e tendo a seguridade de que o persoal de Servizos Sociais lle buscará unha solución á súa situación dentro das posibilidades que ten a Administración local”.

Alimentos do comedor
Volvendo ao tema do subministro repartido hoxe, en total fixéronse seis lotes compostos, entre outros produtos, por queixo, nata, panceta, lombo, maionesa, fariña, chocolate, flans, pavo ou xamón codido. Ana Isabel Vilela, directora do CPI de San Sadurniño, explica que o comedor se aprovisiona “comprando o xusto” para o seu funcionamento normal. Porén, a raíz da alerta sanitaria “había varios tipos de comida que ían caducar na primeira quincena de maio e entón pareceunos que era oportuno repartilo coas familias que non podían darlle de comer aos fillos por culpa do peche do comedor”.

Neste sentido, o Concello preparou bolsas variadas que se empezaron a distribuír esta mesma mañá. “Fundamentalmente priorizamos familias con fillos e fillas en idade escolar e que temos coñecemento que se encontran unha situación de precariedade. Xa eran familias en seguimento e temos algunha á que a actual situación lle complicou un pouco máis as cousas”, explica Pilar Calvo.

Da entrega nos domicilios encargouse Bautista Sanjurjo, operario da área de Servizos. Porén, desde o Concello quérese agradecer a axuda prestada polas traballadoras do supermercado da Cooperativa de Meirás, que se encargaron do corte do friame e doutros produtos para poder facer unha distribución dos lotes máis equitativa. Tamén se lle trasladou o agradecemento á dirección do CPI por ofrecer os alimentos e incluso varias caixas de luvas de vinilo.