Saturday 16 de November de 2024

Máis de 850 persoas xa reservaron praza nos cursos de formación online do Concello durante o primeiro día de inscrición


Máis de 850 persoas inscribíronse nun só día na maior oferta formativa online do Concello de Santiago de Compostela, posta en marcha pola área de Emprego co obxectivo de mitigar os efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19. O período de inscrición para as 1.500 prazas ofertadas en máis de 100 cursos, pertencentes a 20 áreas profesionais, abriuse onte a través da web de Talentia Summit. Esta mañá xa estaban cubertas máis da metade das prazas.

A oferta de formación en idiomas como o inglés e o francés en diferentes niveis (A1, A2, B1, B2) foi un éxito, esgotándose as prazas en menos de 24 horas. Nos cursos relacionados con administración de empresas, os de marketing e comunicación, así como os de turismo, tamén se rexistrou un abundante volume de inscricións, quedando poucas prazas dispoñibles. Tamén quedan prazas sen cubrir na ampla oferta de aplicacións informáticas, como o paquete Microsoft (Word, Excel, Access e Powerpoint), que lle permitirá ás persoas que os cursen obter un certificado que avale os seus coñecementos en ofimática.

Neste momento, dende a área de Emprego están verificando as inscricións para comprobar que se cumpren os requirimentos da oferta formativa: ser maiores de 16 anos e estar empadroados no Concello de Santiago. O inicio dos cursos está previsto para este luns 20 de abril, aínda que a formación online permite comezar cando o alumnado estime conveniente.

De balde
A inscrición é de balde. Realízase a través do portal web de Talentia Summit dun xeito moi sinxelo e en tres pasos: selección do curso no que se está interesado e inscrición no mesmo deixando os datos de contacto. En dous ou tres días, se todo está correcto, a persoa interesada recibe unha clave de acceso a plataforma online que lle permitirá realizar a actividade formativa.

As persoas participantes terán acceso ao material mediante a citada plataforma, dispoñible as 24 horas do día todos os días da semana. Tamén disporán dunha titoría durante o horario laboral para a xestión de incidencias e control da progresión formativa. Ademais, recibirán un diploma acreditativo oficial se completan satisfactoriamente o itinerario formativo.

Os cursos online están dirixidos principalmente a persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas empregadas en PEMES, e traballadores/as autónomos/as. Cada persoa poderá realizar só un curso online ao mesmo tempo, e cando o remate, poderá realizar outro se o desexa, ata que se esgoten as prazas. Serán, en total, 4.700 horas de formación.