O Concello, cun investimento de 400.000 euros, sacou a concurso este proxecto, que se executará sobre unha parcela cedida polos propios residentes
O Concello da Coruña informa de que un total de 11 propostas presentáronse ao proxecto que se consensuou cos veciños de Novo Mesoiro para conectar as rúas Fragas do Eume eRibeira Sacra a través dunha parcela cedida polos propios residentes e que se converterá nunha nova praza para o barrio dedicada a espazo público de esparexemento. A Concellaría de Infraestruturas dispón de ata 400.000 euros para a execución destas obras.
O proxecto inclúe o acondicionamento e mellora do espazo existente entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume, no barrio de Novo Mesoiro, o que supón dar resposta a unha demanda dos veciños. Cun prazo de execución máximo de 6 meses, as obras consisten na construción dunhas plataformas unidas por escaleiras e ramplas para ofrecer accesos peonís entre as dúas rúas; así como o axardinamento e a instalación de iluminación pública e de áreas de descanso con bancos, papeleiras e xardíns. Durante o período que o proxecto estivo a exposición pública para que as empresas interesadas puidesen presentar as súas ofertas, o Concello coruñés recibiu un total de 11 propostas.
Dentro do Plan de Modernización de Espazos Públicos, o departamento municipal de Infraestructuras, coa colaboración das concelleiras de Barrio, consensuou este proxecto cos veciños deNovo Mesoiro, os que precisamente cederon ao Concello o uso do chan de xeito gratuíto por 99 anos para crear este espazo público de esparexemento e de conexión entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume.
O Goberno municipal formula a través desta nova iniciativa a creación dun parque onde se poidan desenvolver actividades deportivas e de xogo tanto para nenos coma para persoas maiores. Debido ao desnivel existente, as dúas rúas conectaranse mediante escaleiras e cun percorrido que estará adaptado a persoas con mobilidade reducida grazas a que a obra inclúe a instalación de ramplas.