Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades enviará a próxima semana unha mascarilla reutilizable a cada persoa empadroada no municipio


Ata o momento repartiu mascarillas entre o persoal do servizo de axuda a domicilio e a todas as persoas que traballan nos distintos establecementos abertos ao público durante a corentena
O Concello de Frades enviará durante a próxima semana unha
mascarilla de protección reutilizable a todos os domicilios do municipio, unha por cada
veciño e veciña empadroado. O alcalde, Roberto Rey Martínez, explica que “estamos a
piques de recibir un pedido de 2.500 mascarillas reutilizables, que enviaremos a cada persoa
empadroada en Frades ao seu domicilio durante a próxima semana”.
Durante este tempo de corentena, o Concello de Frades ten recibido varias achegas de
material de protección por parte da Xunta de Galicia. Concretamente: 870 mascarillas
quirúrxicas, 1.200 luvas, 24 buzos, 6,5 litros de xel desinfectante para mans e outros 15 litros
de lixivia. Así mesmo, o pasado luns o Concello de Frades recibiu unha achega de 200
mascarillas da Delegación do Goberno, que foron postas a disposición das persoas que se
incorporaban ao seu posto de traballo despois do permiso retribuído, e ao longo dos próximos
días agárdase a chegada de máis material por parte da Deputación da Coruña.
Finalmente, o Concello de Frades quere agradecer publicamente a colaboración ofrecida
polas mulleres voluntarias da comarca de Ordes e á Mancomunidade de Ordes, que
achegaron 500 mascarillas de protección que xa foron repartidas no municipio; así como á
asociación de mulleres rurais da comarca de Melide, Alecrín, que doou outras 500
mascarillas de tela reutilizables para o seu reparto entre os veciños e veciñas de Frades.
“Este material foi empregado, principalmente, polas persoas que prestan o servizo de axuda
no fogar e tamén polo persoal que está a realizar labores de limpeza e desinfección dos
lugares máis concorridos pola veciñanza durante esta corentena: centro de saúde, farmacias,
supermercados, tendas de alimentación, entidades bancarias…”, puntualiza Rey Martínez,
quen engade que “a maiores, fixemos entrega de material a todas as persoas que están a
traballar nos distintos establecementos abertos ao público durante esta corentena, ás que
agradecemos o seu esforzo”.