Saturday 16 de November de 2024

Máis de medio milleiro de veciños participaron na Cabalgata de Reis do Concello de Frades


A ilusión foi a gran protagonista na tarde de onte en Frades. Nenos e nenas celebraban ser os primeiros da comarca en participar tanto na Cabalgata de Reis, que tivo lugar polas rúas de Ponte Carreira, como na posterior Festa de Reis no pavillón polideportivo municipal. Máis de medio milleiro de veciños e veciñas, sobre todo nenos e nenas, participaron na actividade, o que mesmo superou a afluencia de 2014, ano no que se celebrou a primeira Cabalgata de Reis de Frades.

A iso das 16:30 horas, os pequenos e pequenas viron chegar un curioso desfile encabezado polos músicos da asociación folclórica Sarillo (Aiazo) pero que, no canto de vir acompañados polos tres Reis Magos, viñan acompañados por outras tres personaxes moi queridas para eles: Papá Pitufo (que repetía convocatoria), Bob Esponja (que substituíu ao seu amigo Patricio) e Minnie Mouse (que substituíu a Homer Simpson). Todos eles estaban acompañados tamén por trasnos e malabaristas, un deles vestido de reno, o que espertou moito a curiosidade dos máis pequenos.

Aos poucos minutos apareceron os Reis Magos que, dende os seus vehículos, repartiron caramelos durante o seu desfile polas rúas de Pontecarreira. Tras saudar aos pequenos, a comitiva desprazouse ata o polideportivo: algúns nos seus vehículos, outros a pé, acompañando á Cabalgata. Os Reis Magos foron recibidos polo alcalde, Roberto Rey, quen aproveitou tamén para agradecer “a colaboración da ANPA do CPI Pontecarreira e da asociación folclórica Sarillo de Aiazo, cuxa colaboracións co Concello permitiron que hoxe fose un día de festa e de ilusión para todos os nenos e nenas de Frades”.

A pesar da presenza no pavillón de dous inchables, xogos de animación e obradoiros de globoflexia, abalorios e de maquillaxe, case que todos os pequenos agrupáronse en torno ao palco onde se situaron Melchor, Gaspar e Baltasar, a quen ían recordándolles o que lles pediran nas súas cartas e recollendo unhas lambonadas de agasallo. Unha vez feitas as peticións, os xogos e as actividades si que comezaron a estar concorridas. A festa rematou cunha degustación de chocolate.