Friday 22 de November de 2024

O Concello fará chegar o material educativo dos centros ás casas do alumnado


O reparto levarase a cabo a través de Protección Civil. A educadora de adultos do Concello de Camariñas púxose en contacto coa dirección dos tres centros educativos do municipio (IES Pedra da Aguia, CEIP O Areal e CEIP Ponte do Porto) para coñecer as súas necesidades e coordinar o reparto de material lectivo entre o alumnado.
Así, a través de Protección Civil, cada alumno ou alumna recibirá nas
súas casas o material que estimen convinte os centros educativos
para que poidan seguir desenvolvendo as diferentes materias do
curso. Desde traballos e fichas impresas para o alumnado que non
ten acceso a Internet nos seus fogares ata apuntes para o alumnado
con necesidades especiais.
A educadora encargarase de organizar este sistema, de xeito que ela
será a que reciba as peticións dos centros e colocará o material de
cada alumno ou alumna en bolsas independentes nas que se porá un
cartel coa dirección do domicilio no que se teñen que entregar. Estas
bolsas agruparanse por parroquias e deixaranse nunhas mesas na
entrada de cada centro para que os operarios de Protección Civil o
recollan e comecen o reparto.
A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que este é un servizo “moi
necesario xa que non todas as familias dispoñen dos mesmos medios
nas súas casas para desenvolver o curso de xeito telemático con
todas as garantías e en igualdade de condicións”.