Saturday 16 de November de 2024

A Deputación da Coruña distribuirá a través da plataforma loxística da Xunta 230.000 máscaras aos concellos da provincia


A Deputación da Coruña súmase á de Ourense na entrega de material para o seu reparto entre os concellos pola Xunta mediante o seu centro loxístico
A Xunta recibirá o material de protección adquirido da Deputación da Coruña para repartir entre os concellos da provincia coruñesa a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Así, a Deputación coruñesa entregará 230.000 máscaras que a Xunta distribuirá a través do centro loxístico Clonegal a partir desta semana entre os municipios da provincia da Coruña.

A Deputación da Coruña súmase así á Deputación de Ourense, que tamén fixo entrega de lotes de material sanitario para o seu reparto aos concellos da provincia ourensá por parte da Xunta mediante a súa plataforma loxística.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da colaboración de tódalas administracións para atender as necesidades dos municipios galegos e axudarlles a afrontar o COVID-19. Por iso, agradeceu a implicación das deputacións da Coruña e de Ourense e animou ás institucións provinciais de Lugo e Pontevedra a que tamén se unan a esta iniciativa.

Alfonso Rueda puxo en valor “a unidade e a colaboración institucional” para “sumar esforzos” e que cada administración, no exercicio das súas competencias, poida contribuír na loita contra a expansión do virus. Nesta liña, convidou a tódalas institucións a colaborar coa achega de material á plataforma loxística coa finalidade de “dar cobertura desde este centro ás necesidades de xeito centralizado e programado optimizando as compras e a repartición”.

O Goberno galego leva repartidos desde este centro loxístico material de protección para o persoal municipal dos concellos galegos, incluídas as sete cidades. En concreto, máis dun millón de unidades de protección, entre as que destacan 668.541 luvas, 365.674 máscaras, 14.846 batas e 10.000 traxes. Nos concellos da provincia da Coruña distribuíronse máis de 343.800 unidades de protección.