Friday 22 de November de 2024

O Concello emite un bando infantil no que promete organizar a maior festa de aniversarios da historia de Cariño


“O obxectivo desta iniciativa é recoñecer o esforzo que están a facer os máis pequenos e animalos a que sigan así”, explica o alcalde José Miguel Alonso Pumar.
O Concello de Cariño emitiu un bando municipal ‘infantil’ no que acorda que
“cando todo isto pase e permítannos volver xuntarvos moita xente, o Concello
vai celebrar a maior festa de aniversarios da historia de Cariño, acordándonos
especialmente de quen non puidestes facelo como queriades neste tempo de confinamento.
Será unha macrofiesta chea de chuches e xogos á que estarán
convidadas todas as nenas e todos nenos do noso concello”.
O bando infantil, que se emitiu como un bando ao uso, destaca que “despois de estudalo
e consultado con moitas familias, e aténdonos ás probas
evidentes, constatamos que as nenas e nenos de Cariño están a ser os máis
responsables da provincia, Galicia, España e o mundo mundial durante esta corentena,
cumprindo con todas e cada unha das normas do estado de alarma, e
achegándose claramente ao nivel de superheroínas e superheroes”.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explica que “o obxectivo desta
iniciativa é recoñecer o esforzo que están a facer os máis pequenos e animalos a que
sigan así”.
A gran festa de aniversarios vén motivada debido a que moitos destes nenos e
nenas que están a cumprir a machada o confinamento non puideron saír a celebrar
os aniversarios dos seus amigos e amigas. Por iso, quéreselles dar “as
grazas polo voso gran esforzo e pedirvos que teñades un pouquiño máis de paciencia e
continuedes sendo tan valentes como ata o de agora, porque cada vez estamos máis
preto de conseguilo. Estamos moi orgullosos de todas e todos vós.