Foron un total de 175 vídeos os que se subiron desde o mércores ata o domingo.
Os datos que arroxa a primeira Mostra do Encaixe virtual da historia son
espectaculares. Unha audiencia de 237.962 usuarios que visualizaron desde
os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o
domingo no Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas) e na canle de
Youtube do evento.
Todos os protagonistas habituais da Mostra do Encaixe de Camariñas
Deputación da Coruña tiveron o seu oco nesta edición virtual. Desde os
Grandes Deseñadores ata os concursantes do certame de Jóvenes
Deseñadores e pasando polos voluntarios, artistas, Artencaixe,
Pequencaixe, xuntanzas palilleiras, delegacións internacionais, institucións,
empresas, fotógrafos, medios de comunicación, stands, agrupacións
folclóricas, policía local ou o modelo internacional Damián Álvarez,
protagonista desta edición. En definitiva, toda a familia que forma parte da
Mostra.
Ademais, o sábado pola noite quixeron participar nesta Mostra Virtual as
recoñecidas orquestras Panorama e París de Noia, que terían que estar en
Camariñas ese mesmo día para montar unha gran festa se todo
transcorrese con normalidade.
A clausura do domingo correspondeu á directora da Mostra, Dolores Lema,
que destacou no seu discurso que “ser de Camariñas e que non se celebre a
Mostra en Semana Santa parece un mal soño”; dun camariñán ilustre como
o xornalista Xosé Luis Blanco Campaña que destacou que “xa estamos a
esperar a marabillosa Mostra do ano que ven” e, por último, a concelleira do
Encaixe, Encarna Liñeiro, expresou o seu desexo de que “este sexa o
primeiro paso para, no 2021, facer a mellor edición da Mostra que se
recorda” e agradeceu “a todas as persoas que senten a Mostra como algo
propio e que tamén participaron nesta iniciativa”.