Friday 22 de November de 2024

O Concello saca a concurso por 3,8 millóns de euros ao ano un dos contratos do servizo público de axuda a domicilio


O prazo para presentar propostas para o contrato de maior contía deste programa municipal finaliza o próximo mércores, 7 de xaneiro

O Concello da Coruña mantén aberto o prazo para presentarse ao concurso dun dos tres contratos do servizo público de axuda a domicilio, un programa que ten como principal obxectivo atender ás persoas no desenvolvemento das necesidades da súa vida diaria para impulsar así a súa integración social. Licitouse por 3,8 millóns de euros ao ano -é o contrato de maior contía económica deste servizo-. O programa de axuda a domicilio complétase con outros dous contratos, polo que a suma total dos tres supera os 5 millóns de euros.
O prazo para presentar propostas para cubrir esta parte do servizo público de axuda a domicilio conclúe o próximo mércores, 7 xaneiro, ás 13.00 horas. Licitado mediante procedemento aberto, este contrato é por dous anos, aínda que se pode prorrogar por dous máis. Trátase dun programa que exemplifica o obxectivo do Executivo municipal de garantir a atención das persoas que máis o necesitan, pois traballa sobre todo con persoas maiores con déficits de autonomía e con minusvalidez. Así, a empresa finalmente adxudicataria deste contrato axudará aos usuarios nas súas actividades básicas da vida diaria, como vestirse, facer a compra e cociñar os alimentos, ademais de fomentar a hixiene persoal e desenvolver tarefas de apoio psicosocial, con accións terapéuticas, educativas, socioculturais e de acompañamento e socialización.
O servizo prestarase entre as 07.00 e as 22.00 horas, de luns a sábado, aínda que fóra dese horario tamén se atenderá aos usuarios se é necesario. De feito, o Goberno municipal encargarase de propoñer as altas no servizo e tamén incrementará o número de horas de prestación do servizo se o considera oportuno.
Co obxectivo de ofrecer un servizo de calidade e, para garantir que se axusta ás características fixadas no prego de contratación, o xestor do servizo terá que facer un seguimento individualizado de cada usuario.
Os presupostos de 2015 volven reflectir o compromiso municipal de dar resposta ás demandas reais dos cidadáns. O Concello realizou un grande esforzo investidor cunha partida de 5.432.000 euros para cubrir os tres contratos nos que se divide o servizo de axuda a domicilio, considerado estratéxico para o actual equipo de goberno. Así, para 2015, o presuposto para axuda a domicilio aumenta un 4% con respecto a este ano, un incremento aínda maior se se compara con 2011, cando o presuposto era de 4.847.250 euros, é dicir, un 12% menos do fixado para o próximo ano -584.750 euros menos-.