A convocatoria tamén de ensaio sobre a viabilidade técnica das sesións telemáticas
Casa do Concello acolleu esta mañá a celebración dun pleno extraordinario para dar conta das últimas resolucións adoptadas pola alcaldía e tamén para abordar o estado da situación do Estado de Alarma en San Sadurniño. Ademais de polo tipo de convocatoria, a sesión foi extraordinaria tamén polas circunstancias en que se desenvolveu, posto que na sala só estaban presentes tres membros da corporación, mentres que o resto de concelleiros participaron nela de forma telemática. Outra circunstancia excepcional foi o feito de non incluír na orde do día asuntos para votación e a incorporación dun punto final de rogos e preguntas que, en principio, só corresponderían a un pleno ordinario.
Secundino García explicou que a convocatoria da sesión respondía a unha cuestión “de saúde democrática” co obxectivo de facilitar a participación e unha certa normalidade institucional a pesar das circunstancias, ademais de testar a celebración telemática por se fose necesario botar man dela máis adiante para outros asuntos.
Foi precisamente a celebración do pleno un dos asuntos que máis debate xerou xa desde o comezo. No primeiro punto, cando tocaba aprobar as actas das dúas sesións anteriores, o PP puxo en dúbida a validez do pleno indicando que se convocara o mércores, que o texto da convocatoria tiña erros nos artículos que a sustentaban e que, polo tanto, non se cumpría co prazo legal de dous días hábiles para que os grupos puidesen preparalo debidamente. O Partido Popular asegurou tamén descoñecer cal era “a motivación” do pleno e apuntou varios erros no texto das actas que deberían ser corrixidos antes da súa aprobación.
Secundino García retrucoulle ao grupo popular que os seus argumentos sobre a convocatoria eran “formalismos discutibles” e convidou á súa portavoz, María Belén Trigo, a que acudise aos tribunais se pretendía que o pleno “non tivese validez”. O Real Decreto 2568/1986, de 25 de novembro, recolle que o prazo de dous días hábiles non sería de aplicación para convocatorias extraordinarias e urxentes -esta foi só extraordinaria- e, ademais, neses casos o primeiro punto para votación debería ser a propia urxencia da sesión.
Pola súa banda, o representante do PSOE, Lois Anxo Rodríguez, asegurou non estar preocupado pola forma da convocatoria, ademais de non verlle “ningún problema” á celebración da sesión, considerando interesante para poñer cousas en común e aportar ideas . Na mesma liña tamén se pronunciou a voceira do grupo de goberno, Mari Carme Muíño, quen destacou “as circunstancias excepcionais” en que se celebraba o pleno e a oportunidade que ofrecía para “avaliar” e “achegar observacións” ás accións que se estaban tomando desde o Concello en relación coa crise. Muíño criticou ao PP por non ter manifestado os seus reparos o propio mércores, no momento en que se lles trasladou a documentación coa data e a orde do día.
Deseguido entrouse no apartado de rogos e preguntas, aínda que antes o alcalde explicou que o punto intermedio sobre a modificación do proxecto da envolvente da Casa da Cultura era só para notificarllo ao pleno e que non requiría ser votado. Secundino García comentou que no proxecto se introduciran pequenos cambios técnicos solicitados pola Deputación da Coruña que non lle afectarían nin ao importe nin o obxecto da obra.
A quenda dos rogos e preguntas abrírona Secundino García e Mari Carme Muíño contextualizando o tema principal -as medidas con respecto ao coronavirus- e como estaba funcionando a Administración local durante o Estado de Alarma. O alcalde explicou que o Concello está traballando con servizos esenciais, nos que se combina o teletraballo co labor presencial nas oficinas, mentres que en Obras e Servizos e Servizos Sociais se conta con todo o persoal. A recollida do lixo funciona con normalidade con dous operarios mentres que os outros dous -apoiados polo conserxe do colexio- rotan na limpeza e desinfección dos espazos máis concorridos e das illas de colectores. O resto do persoal traballa desde a casa, como por exemplo o encargado do ximnasio, a técnica da rede CeMIT ou a arquitecta municipal.
Mari Carme Muíño explicou o cronograma das últimas tres semanas, empezando pola creación da Comisión de Seguimento da COVID-19 e a apertura dunha canle de comunicación con todos os grupos con representación municipal. Recordou a suspensión de actividades e o peche de instalacións, como foi o caso da EIM A Rolada, que segue mantendo contacto coas familias para ofrecerlles “acompañamento e apoio nas actuais circunstancias”, igual que ocorre co programa “Espazos das Familias”, que se ofrecerá de maneira telemática.
Muíño sinalou que a reorganización municipal se levou a cabo “tendo moi presentes as directrices do Ministerio de Sanidade para garantir a seguridade de traballadores e traballadoras e facer de barreira dos contaxios”, de aí que se optase pola atención con cita previa para trámites urxentes e que sexa o teléfono a principal vía de contacto para a veciñanza, á que tamén se lle ofrece “apoio emocional” para sobrelevar o confinamento. Muíño referiuse, ademais, ao “reforzo da comunicación” a través da web e das redes sociais sobre as medidas adoptadas polo Concello e ao feito de que a todo o persoal de Servizos Sociais e de Obras se lles garantiu a dispoñibilidade de equipamento de protección.
O principal esforzo municipal nas actuais circunstancias diríxese ao mantemento do SAF, que mantén os seus servizos de atención á dependencia e libre concorrencia, aínda que, segundo puntualizou a portavoz do goberno, “algunhas familias solicitaron a suspensión do servizo”, de maneira que a axuda domiciliaria do Concello tamén está atendendo persoas do Centro de Día pechado pola Xunta desde o 16 de marzo.
Outros servizos que se están ofrecendo son o do programa Xantar na casa, promoveuse a través do SAF a compra de alimentos e artigos de primeira necesidade para persoas que non teñan maneira de se desprazar e mesmo se activaron as axudas de emerxencia social “para casos que están empezando a chegar”. O Concello ofrece tamén apoio para tramitar axudas doutras administracións e mantén comunicación constante co Centro de Saúde, coa Residencia Súa Casa e co CPI de San Sadurniño, “con quen se falou para ver a maneira de atender as nenas e nenos nunha situación máis vulnerable á hora de achegarlles tarefas”, aínda que, segundo informou Mari Carme Muíño, o centro indicou “que se encargarían eles de atender esas necesidades” para as que o Concello “ten sempre a man tendida”.
Lois Anxo Rodríguez aproveitou a súa intervención para poñer enriba da mesa distintas propostas, relativas a un acceso a internet “de mediana calidade” para as familias que non dispuxesen del, suxerindo tamén que se incluíse un apartado para conectividade nas bolsas escolares deste ano e que desde a rede CeMIT se lles ofrecese axuda a aquelas familias “que non teñen competencias dixitais”. O edil socialista referiuse tamén á impresión de material educativo para as familias, algo ao que, segundo respostou posteriormente Mari Carme Muíño, se comprometeu o centro educativo. Rodríguez interesouse sobre se existía “un rexistro de persoas que vivan soas” e se hai alguén “en espera” de ser atendido ou atendida polo SAF, xa que “me soa que a Xunta propuxo un aumento de horas sen custo para as persoas que o soliciten”. O concelleiro pechou a súa intervención considerando “positivo” que todos os grupos participen “aportando” na xestión da crise e propuxo que se mantivese unha comunicación semanal cos portavoces municipais “para ver como van as cousas”.
O Goberno local sinalou que non existe un rexistro como tal sobre persoas que viven soas, aínda que si indicou que o seguimento das distintas situacións se está facendo a través de Servizos Sociais e do persoal do SAF, ademais de atender con persoal especializado as peticións de “apoio emocional”. A portavoz do BNG puntualizou, iso si, que hai un paquete de 1.865 horas comunicado pola Xunta o pasado 8 de abril “para atención temporal e urxente” que só se poderían dedicar “a situacións vinculadas á alerta sanitaria, non valen para atender solicitudes novas de atención a dependencia”, explicou Mari Carme Muíño.
Na súa quenda, o grupo municipal do PP recoñeceu que a Xunta xa lles trasladara esa información, algo que lles valeu as críticas de Secundino García. “A Xunta ten perfectamente informado ao PP, pero ao PSOE non”, ironizou o alcalde aludindo ao descoñecemento mencionado minutos antes por Lois Anxo Rodríguez. Secundino García acusou ao PP de “non manter as formas” e insistiu en que a Xunta “tamén lle debería facilitar” ao PSOE local a información sobre o paquete de horas do SAF, igual que o fixo cos populares e co Concello de forma oficial.
O Partido Popular tamén pediu axudas municipais para autónomos e pemes ou persoas afectadas por ERTES “liberando parte dos remanentes ou aprazando pagamentos” e que as horas para o servizo no fogar achegadas pola Xunta se dediquen á atención de persoas do Centro de Día. A resposta a unha e outra cuestión dérona Mari Carme Muíño e Secundino García. A portavoz do grupo de goberno apuntou que a atención a persoas do centro dependente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar “xa se estaba facendo desde que a Xunta o pechou sen ter un plan para atender as necesidades das persoas usuarias” e que se empregarían parte desas horas para financiar esa atención temporal.
Pola súa banda, Secundino García informou de que a postura do Concello de San Sadurniño en canto á adopción de todo tipo de medidas é “seguir as instrucións da FEGAMP”. O alcalde lamentou que “algúns concellos” estean “facendo o que lles parece” anunciando medidas “que non é o momento de tomalas”. Na liña da federación municipalista, García considera que agora “o primeiro é superar a alerta sanitaria” e que logo será necesario “facer un diagnóstico da situación económica real” para adoptar “as medidas que haxa que adoptar”.
Ao respecto das medidas económicas, o alcalde adiantou que todos aqueles servizos que o Concello suspendeu “non se van cobrar e volveranse os cartos que se pagaron de maneira anticipada. E se hai persoas que teñen neste momento dificultades non só para pagar un recibo senón para comer, temos que reforzar os Servizos Sociais e atender esas demandas urxentes”. Secundino García aludiu de novo ás taxas e impostos municipais remarcando que os tributos na maior parte dos municipios da Coruña están delegados na Deputación “que xa pospuxo a posta ao cobro”.
“O máis sensato neste momento -proseguiu o alcalde- é superar a alerta sanitaria e, no momento en que se supere a alerta, tomar decisións de calado político. Hai unha petición de que Facenda libere o remanente acumulado para reactivar a economía tamén desde os Concellos. O remanente que se pode liberar agora é para servizos esenciais, non podemos tirar del para pagar un recibo de autónomos a unha persoa, sería máis lóxico que llo pagase a Xunta ou que llo condonase o Estado. Temos que ser comedidos á hora de facer propostas porque a caída de ingresos vai ser importante e o Concello ten que seguir funcionando”.
O pleno rematou cunha última intervención do PP a través de José Luís Hermida, o único representante da oposición que asistiu persoalmente ao pleno. O edil preguntou se as traballadoras do SAF contaban con equipamento de protección para desenvolver o seu labor, como “gafas, mascarillas, batas…”. O goberno local respostou afirmativamente.