Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña mostra o seu apoio á campaña #nonnoscanceles do sector cultural


A Deputación da Coruña mostra o seu apoio á campaña #nonnoscanceles do sector cultural
A área de Cultura da Deputación da Coruña quere mostrar o seu apoio aos traballadores e traballadoras do sector que promoven na rede a campaña #nonnoscanceles. O deputado de Cultura, Xurxo Couto lembrou a disposición da institución para manter toda a programación prevista e o orzamento da Rede Cultural e dirixiuse a outras institucións para que apoien un sector que está a sufrir de maneira especial os efectos da COVID19.

A Deputación da Coruña, a través da área de Cultura, quere manifestar o seu apoio ás traballadorase traballadores do sector que promoven a campaña #nonnoscanceles dirixida de maneira especial ás institucións programadoras para que manteñan as programacións previstas e non contribúan a acrecentar a crise que xa están a padecer. Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, solicitoulle ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez unha “reorientación da programación do Xacobeo para adaptala ás novas situacións e convertela nunha oportunidade para a cultura galega, en especial, para o ámbito das artes escénicas e musicais que están a padecer un parón de actuacións debido á prohibición de espectáculos ao vivo”.

Por outra parte, a área de Cultura da Deputación da Coruña dirixiuse tamén aos concellos para notificarlles a “flexibilización da Rede Cultural” que permitirá por vez primeira cambio de datas para adaptarse ás indicacións sanitarias a respecto da pandemia e ampliará o prazo de desenvolvemento das actuacións até o primeiro trimestre do vindeiro ano. “O noso obxectivo é que se manteña o nivel de contratación de edicións anteriores da Rede Cultural e animar aos concellos a que programen cultura dándolle facilidades para que non se produzan cancelacións senón cambios de calendario”, sinala Xurxo Couto.

“Non teño dúbida de que o sector cultural está a sufrir de maneira especial a crise provocada pola pandemia e as institucións teremos que responder, na medida das posibilidades, ás urxencias que se están a producir para impedir o desmantelamento dun sector que é esencial para existirmos como país”, engade o deputado de Cultura que anuncia tamén novas iniciativas para o apoio ao sector como unha campaña de promoción que se desenvolvería cando as circunstancias permitisen o consumo de produtos culturais.

A Deputación da Coruña decidiu desde o primeiro momento manter toda a programación propia prevista, buscando novas datas para a súa colocación despois do fin do confinamento.