Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Miño anuncia medidas de apoio ao comercio e á hostalería para a saída da crise económica xerada polo COVID-19


Estas medidas de urxencia serán acompañadas dun Plan Estratéxico de Desenvolvemento Local para focalizar as políticas de dinamización económica nas necesidades a curto, medio e longo prazo.

O Concello de Miño anuncia medidas de apoio ao comercio e á hostalería para a saída da crise
económica xerada polo COVID-19. Estas medidas de urxencia serán acompañadas dun Plan
Estratéxico de Desenvolvemento Local para focalizar as políticas de dinamización económica nas
necesidades a curto, medio e longo prazo.
Desde a administración local prepárase un portal web para axudar ao comercio local a manter as vendas
durante o peche dos negocios debido ao estado de alarma. Espérase, así, que sente as bases para o
comercio de proximidade a posteriori, e tamén unha nova imaxe de marca de destino turístico.
Desde o Concello de Miño queremos apoiar ás empresas e autónomos que desempeñan a súa actividade
económica no municipio desde as nosas competencias e a partir das nosas capacidades financeiras, e
contemplando as necesidades reais do sector no concello.
Pretendemos que esta serie de medidas non sexan soamente ferramentas para saír da previsible
retardación económica provocada pola pandemia e as medidas de confinamento tomadas por mor desta;
tamén para levar ao pequeno comercio, hostalería e empresas de servizos a unha xestión moderna e
eficaz, sen perder por iso as vantaxes competitivas (proximidade, coñecemento do territorio, eficacia no
tecido das redes sociais dentro da comunidade, etc).
Para sentar as bases da recuperación da actividade económica local post-crise do COVID-19, o
Concello de Miño encargou o desenvolvemento dun manual de marca e imaxe corporativa de Comercio e
Hostalería de Miño. O obxectivo disto é deseñar unha tipografía e iconografía atractivas para ofrecer unha
publicidade coherente, modernizar a imaxe de marca do comercio e a hostalería local, transmitindo así
unha forte personalidade dos negocios de Miño, e que impulse as políticas de promoción de consumo de proximidade.
Estará listo en canto cese o estado de alarma.

Páxina web de vendas para o comercio local

Algunhas das consecuencias desta crise temporal serán os cambios futuros no modo de comprar e
relacionarse. Así, cremos que o máis apropiado é apoiar a comercio local desenvolvendo unha páxina web
( MERCAENMINO) para axudar a mellorar as vendas.
Esta web será complementaria a outras canles tradicionais e outras plataformas, onde o comercio de Miño
poderá vender os seus produtos, coa diferenza de que o cliente saberá en todo momento que se
compra neste portal estará a comprar nun negocio local de Miño, fortalecendo o comercio de proximidade,
o compromiso ético e o vínculo emocional do cliente coa súa comunidade de veciños, sen
esquecer a contribución á sustentabilidade.
Esta web de comercio nunha versión piloto podería estar operativa nuns días.