Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente abre tres expedientes sancionadores por saltarse a orde de confinamento para pescar nos ríos Anllóns, Lambre e Tea


Os denunciados foron avistados ao longo desta semana polos axentes medio ambientais que, como servizo esencial, colaboran nas tarefas de control de confinamento
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou esta mesma semana a tramitación de tres expedientes sancionadores por saltarse a Orde de confinamento, que establece o Real Decreto 463/2020, para ir a practicar a pesca deportiva en varios ríos galegos.

Cómpre lembrar que o contido do RD de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 restrinxe a mobilidade, polo que a práctica da pesca deportiva non está permitida e permanece suspendida.

Asemade, os axentes medio ambientais da Xunta de Galicia están incluídos entre os Servizos Esencias, establecidos pola Xunta de Galicia, e habilitados para a apoiar as tarefas de control e cumprimento do confinamento. Nese sentido, en colaboración co Seprona, esta semana presentaron tres denuncias por localizar a tres persoas saltándose o confinamento.

Na provincia da Coruña, os axentes detectaron na xornada do día 6 a unha persoa nas inmediacións do río Lambre, no Concello de Irixoa. O denunciado non presentaba licenza de pesca, posuía tres exemplares de troita común que non respectaban a talla mínima e varios artefactos prohibidos para a pesca.

Na xornada do pasado Xoves Santo, día 9 de abril, os axentes deron o alto a unha persoa que pretendía pescar na área recreativa de Barís cunha cana montada con culleriña, no Concello de Carballo. O denunciado non posuía exemplares procedentes da pesca, no momento no que foi avistado.

Por último, nesa mesma xornada –na madrugada do Xoves para o Venres Santo, pero na provincia de Pontevedra, os axentes de Medio Ambiente e do Seprona sorprenderon a un furtivo pescando nunha estacada dedicada á pesca da lamprea no Río Tea, ao seu paso polo Concello de Salvaterra.

No momento da pesquisa, o furtivo tiña catro exemplares, que foron comisados e entregados a un centro benéfico para o seu consumo, tal e como regula a normativa de pesca fluvial. Neste caso, o cidadán será denunciado por pescar cando a pesca fluvial está suspendida, segundo as normas da Xunta de Galicia dispostas fronte ao COVID-19, e por incumprir a orde de confinamento establecida nas disposicións estatais fronte a pandemia.