Friday 22 de November de 2024

A web municipal incorpora un aplicativo sobre a COVID-19 que dá resposta á información demandada pola cidadanía


O Concello de Santiago de Compostela acaba de subir á súa web a aplicación Resposta ao coronavirus, con información detallada e actualizada sobre a pandemia, no que a cidadanía pode, de xeito directo, solicitar algún dos servizos asistenciais postos en marcha polo Goberno local durante a crise sanitaria ou inscribirse nunha rede de axuda. Tamén inclúe información sobre síntomas da enfermidade e consellos de como se debe actuar para evitar contaxios, así como datos e mapas nos que se ve, en tempo real, a evolución da COVID-19 a nivel autonómico, estatal e internacional.

Realizada polo Servizo de Cartografía do Departamento de Urbanismo, incorpora planos nos que se xeolocalizan os establecementos comerciais que colaboran co Concello; os establecementos que prestan servizos sanitarios, como centros de saúde, centros de maiores, hospitais e farmacias; e as zonas con poboación de risco. Segundo explica a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, trátase dunha ferramenta que “se sustenta en tres eixos: analiza o impacto da COVID-19 a nivel local, nacional e internacional; dá resposta ás preguntas da poboación sobre como enfrontarse ao virus; e achega directamente á cidadanía, dun xeito interactivo, tanto as medidas tomadas polo Goberno local a nivel asistencial, como os servizos de que dispoñen e que lle poden ser de utilidade”.

Resposta ao coronavirus. Santiago de Compostela comeza cun enlace á web do concello no que informa á cidadanía sobre servizos asistenciais e de apoio (teléfono 010, tíckets especiais de compra e servizo de taxi para persoas en situación de vulnerabilidade social) e sobre avisos e recomendacións do Concello emitidas durante o estado de alarma.

A continuación podemos acceder a tres iniciativas municipais: necesito axuda, para as persoas que precisen dalgún dos servizos asistencias prestados polo Concello; rede de voluntariado; e establecementos de servizos, na que se xeolocalizan todos os supermercado e tendas de barrio que están colaborando no programa de tíckets especiais de compra.

Debaixo atopamos tres planos de Santiago; un no que están xeolocalizados os establecementos que colaboran co programa de alimentos; outro cos centros de servizos sanitarios e centros de maiores de Compostela; e outro no que distingue, por cores, as zonas de poboación de risco, neste caso os maiores de 70 anos. A continuación accedemos ao portal interactivo de ESRI España, con mapas e datos actualizados sobre a COVID-19, unha ferramenta moi útil, tanto para a cidadanía como para investigadores e xornalistas; para estudar e analizar a evolución da pandemia día a día.

Seguimos avanzando para coñecer os síntomas provocados pola enfermidade; e as recomendacións para protexerte tanto a ti, como ás persoas do teu arredor. Tamén hai un apartado sobre que facer se sospeitamos que somos positivos, con acceso directo ao auto-test e ao portal do Sergas, e con información sobre os teléfonos aos que debemos chamar.

Despois do acceso a redes sociais, atopamos datos sobre a COVID-19 a nivel internacional, e a resposta ás preguntas máis frecuentes sobre a enfermidade. Para a concelleira Mercedes Rosón, o feito de que sexa unha aplicación clara, atractiva, de fácil navegabilidade, e que incorpora gran cantidade de datos demandados pola cidadanía, vaina converter “nunha ferramenta de información importante para os nosos veciños e veciñas de Compostela”